Britons go home (A voo de tecla, 10/12/2011)

A Bismark alarmábao que o inglés fose o idioma oficial dos Estados Unidos, non do Imperio Británico. De Gaulle non quería a Gran Bretaña na futura Unión Europea. Os “Britons” tratan os ianquis de “cousins” (curmáns) sabendo que son os seus “masters” (amos).
A última maratona de Bruxelas á procura dun consenso económico europeo deixou claro que na Gran Bretaña mandan a Casa Branca e a Wall Street a través da City londinense. Se os muros do Parliament falasen, logo se sabería en que consiste o xogo ruín dos políticos británicos en relación á UE: son os infiltrados dos donos da máquina de facer dólares…
Curiosamente, a Unión acabou expresándose en Eurenglish, de xeito que en Bruxelas os expatriados de todo o Continente son falantes pasivos de francés. A Comisión anuncia os actos técnico-científicos só en inglés, advertindo que ese ha ser o único idioma de presentacións e discusións.
A británica UKRO é a representación máis importante das universidades europeas en Bruxelas, e as grandes do Reino Unido son campionas en obteren subvencións para I+D. Ou sexa: para tiraren proveito, os fillos da Albión Pérfida si se europeízan (e fan, con vantaxe, “lobbying” en inglés).
Ben. Hase ver como acaba o baile. Polo momento, o Cameron vai enfrontar un referendo escocés con dúas preguntas: “¿Quere vostede que Escocia sexa independente?” e “¿Coida que Escocia debería ter capacidade financeira total?”. Salmond, o primeiro ministro de Edimburgo, non anda con chanzas: hoxe, mellor Bruxelas que Londres.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 10/12/2011]