Fórmula E

A filantropía científica é característica dos países protestantes, e dos católicos en competencia co luteranismo. Caso típico disto último é a Fundación Solvay belga, grazas á cal avanza un proxecto do que se facía eco La Voz hai días: o do Solar Impulse, avión capaz de dar a volta ao mundo con enerxía solar. A idea conta co apoio da Comisión Europea, que xa facilitou un networking party de mobilidade eléctrica baixo as longuísimas ás do aparello, cando este ía partir á proba máis temida: sobrevoar os Alpes.

As carreiras de coches de fórmula teñen moi pouco de filantrópico. Os fabricantes usan os vehículos para ensaiaren en distintos eidos do coñecemento automobilístico; experimentan con eles o que despois levan ás liñas de produción en serie.

Agora andan apostando á propulsión eléctrica: o pasado 10 de xaneiro tivo lugar en Buenos Aires unha proba mundial de Fórmula E, na que se acadaron rexistros abraiantes.

O prezo do cru baixou, e parecería que iso fose atrasar a «quimera eléctrica»; mais quen ten visión segue investindo nela. Pena que en España (e, concretamente, en Galicia) se produza tanto coche e se investigue tan pouco no que tarde ou cedo vai ser vulgar: o desprazamento silencioso e limpo.

Incapaces de apostarmos a futuro, pagaremos patentes. Con sorte, fabricaremos.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 03/02/2015]