Voltar (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/06/2000)

Volta a Buenos Aires desde “el país”. Alá fican os galegos de Bahía Blanca. No París do Prata, calor, vento do norte, das selvas tropicais; e un aviso: “norte duro, pampero seguro”.
Cúmprese o dito: de súpeto, vira o vento e entra do sudoeste un aire de neve e xeo, desde e cordilleira nevada, a través das pampas inermes, planas, infinitas… Tormenta e diluvio.
Refuxiámonos nos restaurantes e os cafés. O encontro é con galegos, Xosé Manuel Castelao e Carlos Penelas. Dou conta das vidas bahienses, danme conta das vidas porteñas. Deles, e de algún máis que se nos xunta, deduzo que nunca tanto traballo tivo o consulado xeral de España: todo o mundo quere ser español. Todos –novos e vellos— miran para aquela Galicia das miserias épicas como unha terra de Promisión.
É O Retorno, froito da Diáspora fracasada. España é un país americano, non africano…
Frases do día: “A Arxentina non ten solución, pero ten saída: Ezeiza (aeroporto de Buenos Aires)”. “Hay que agarrar bien al Turco (Menem). Tiene cincuenta mil millones (de dólares) debajo del poncho”…
Penelas lévame á librería das Madres de Mayo. É unha librería de “zurdos”, de xentes de esquerdas; e, camiñando, falamos da realidade. Pasamos por unha rúa chea de armerías. Un revólver americano custa 600 dólares; unha Beretta, 400. Un cirurxián torácico pode gañar catro mil dórares por mes. Un “docente” (mestre), trescentos.
Todo o mundo quere marchar. Penelas ten a oferta de pasar un tempo en Galicia –un tempo, se cadra, para sempre… O tempo dirá.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/06/2000]