Diferencias (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/06/2000)

Sol e frío, dous graos baixo cero. O vento do Sur anuncia a chegada das baleas ás enseadas patagónicas. Buenos Aires brama, ruxe, gasta gas, gasolina e gasóleo. O xornal, en primeira plana, mostra os ingresos dos senadores: 10.000 pesos (ou sexa: dólares) ao mes fronte a pensións de 100 pesos.
Os políticos arxentinos teñen a vista na “sociedade da información” e queren saber dos técnicos que veñen de España como están alá as regulacións e os regulamentos. Interésanse especialmente pola sinatura dixital: teñen que facer unha lei nova e prefiren comprobar experiencias.
Onte, antes do vento austral que limpou os ceos, chovía con asaño. Pero o Consejo Profesional de Ingeniería de Telecomunicaciones, Electrónica y Computación deu unha acollida cálida ao colega do país a onde queren marchar os profesionais novos destas terras castigadas pola irracionalidade política.
Dá xenio falar diante de tan bos escoitadores. O comercio electrónico “de veras” é algo que apaixona na Arxentina filla de italianos ocorrentes, xeitosos para convidaren a comprar e vender. Aplauden e piden copia do que foi aparecendo na pantalla.
Aprecian o resumo de ideas que eles comparten; discuten, esténdense nas consideracións mostrando “o verbo divino”, como di un galego que sabe deles.
E fica a dúbida de como se pode manter unha sociedade con tantas diferencias: entre estes enxeñeiros cultos e quen chega a senador; entre a “Internet 2” e as antenas de televisión sobre os “ranchos” das “villas-miseria”.
Pero así se mantén: viva.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/06/2000]