Irse (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/06/2000)

Voume dunha terra amada, deixo o mellor dela: xente xenerosa que convive cos que dan mala sona a todos.
É media vida de vir á Arxentina e sufrir a humana limitación de só ter unha existencia persoal: deberiamos poder vivir dúas vidas ao tempo, en puntos diferentes desa Boliña Azul perdida polo Universo que demos en chamar O Globo, A Terra, O Mundo…
Esta Arxentina deume muller e historias de familia que, nas mans dun bo novelista a escribir en lingua universal (enténdase inglés), terían dado grandes obras da Literatura (que está por cima dos idiomas).
A Arxentina acolleume, pagoume con amizade, e coa aventura infinita dos galegos que viñeron facer patria nova e foron deixando os seus nomes en puntos de mapa que causan abraio…
De despedida, viño branco de Mendoza, dunha “finca” de Agrelo (¿hai algo máis galego?), que me regalou un home de Ribadeo. E no recordo a historia de Rafael Beleiro, repetida polo Cholo Rei en Bahía Blanca: o porqué de Aldea Beleiro, nun paso dos Andes.
Case subindo ao avión, unha ollada ao Río da Prata en día de sol rexelado: todo castaño, cheo de velas, e o relato dun sobrevivente ao ataque dun submarino alemán, que esperaba o barco inglés cargado de carne e voluntarios para aquela guerra atroz –que non se esquece malia a Unión Europea.
Saíndo, unha conversa telefónica con Xosé Manuel Castelao: resumo do que moitos –pero non suficientes— coidamos. Di que só Galicia pensa na emigración. O resto de España, na inmigración.
A España dos “modernos” non aprendeu Historia no bacharelato.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/06/2000]