Plan Andinia (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/06/2000)

Son compañeiros de voo: un cincuentón atlético de cabelo louro e rapado, ollos claros, fronte botada para atrás e nariz saliente; e un mozo delgadiño, de ollos riscados e cabelo liso, acibechado, amerindio.
Falan axiña. O xove pregunta polo destino do maior, que vén sendo Tel Aviv. Os dous falan castelán –crioulo arxentino o un, normativo o outro, con leve ton mexicano.
O home maduro di que viviu anos na Centroamérica, “onde os pobres sempre serán pobres”, e que admira a Arxentina, “país único, que ten algo tan engaiolante coma a Patagonia”.
O rapaz non coñece as paisaxes do Sur que describe o estranxeiro. Para retruque, monta no cabalo do folclore e fai un canto ás pampas da riqueza, do cereal e da carne, do mate e o gaucherío. Logo aparecen o Martín Fierro e Don Segundo Sombra. Pouco falta para que xurdan as boleadoras e o zapateado…
O seu interlocutor escoita; e, cando lle chega a vez, insiste: nada hai no mundo coma a terra mítica dos patagóns.
O mozo móstrase incómodo: a terra do vento, o petróleo, os glaciares e as baleas é “invivible”, motivo de conflicto histórico con Chile. Razón dun exército innecesario.
O pelado ao cero olla con enfado. Os países fanse con exércitos, asegura. El, aos seus cincuenta anos, aínda pasa revista. A filla estivo dous anos servindo. O fillo, tres.
A Patagonia debe ser defendida, mantén –con tal vehemencia que fai lembrar fábulas alá escoitadas: referentes ao Plan Andinia, no que Israel atoparía a verdadeira Solución Final, un Novo Estado Xudeu sen perigos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/06/2000]