Poio (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/07/2000)

A Fundación Alfredo Brañas organiza todos os anos uns Cursos Superiores de Verán no mosteiro de Poio, que trae lembranzas do Padre Sarmiento.
Desta volta, en canto o resto dos galegos programaban ponte vacacional ou preparaban Día de Galicia, da Patria Galega, de Santiago ou o do Santo Adalid Patrón de las Españas, un grupo numeroso de alumnos das facultades de informática asistía na hospedaría dos monxes a leccións sobre o que pode xerar industria e excedente económico para que poida haber cultura e política.
Os rapaces, coas súas cariñas novas e un apetito notorio, pasaban do refectorio á aula, e da aula ás discotecas da contorna. Os conferenciantes seleccionados pola Brañas falábanlles de protección e seguridade na información.
Un éxito: aulas cheas, atención e preguntas comprometidas para os que se atreveron a leccionar.
O 25 de xullo, dedicado no programa ao comercio electrónico, foi día de sol e nubes sobre a ría de Pontevedra. O mar por anacos era de chumbo e herba. Na illa de Tambo, unha praia convidaba a soñar desde as alturas do mosteiro…
Estamos nas mans destas mozas e estes mozos que fixeron un bo bacharelato, que superaron a “nota de corte” de facultades exquisitas, que deron metido na cabeza os algoritmos, as arquitecturas, os sistemas, as linguaxes.
Velaí como gozar do verán aprendendo, e abaneando na discoteca. A semana de Poio para eles ha ser algo importante.
Na hora de xantar, declaran ao unísono que non hai nada coma a sesta para dividir a xornada: estanse a facer adultos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/07/2000]

Unha reflexión sobre “Poio (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/07/2000)

  1. Moita historia ten o Mosteiro de Poio, por ali pasou tamen parte da historia da miña familia.
    Moi boa a achega das xornadas de estudo mesturadas co esparcemento.

Os comentarios están pechados.