Bergidum (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/08/2000)

Contan que unha alcaldesa berciana se atreveu a dicir, como representante do pobo, o que o pobo está farto de berrar. Velaí, logo de pasar o “Telón de Grelos”, os letreiros: “León sin Castilla”, “O Bierzo, quinta provincia galega”, etcétera.
O Bergidum dos romanos, terra de bo comer e mellor beber, ten nomes de lugares a denunciaren a súa galeguidade. Quen poña oído na Ponferrada detectará acentos correspondentes ao romance ibérico occidental; quen teña memoria lembrará o falar “chapurreao” da xente vella; e quen lea saberá que o grande narrador desas terriñas se chama Pereira.
Tarde ou cedo tiña que suceder, porque Castilla y León é invento da España inmediata, da autonomía para todos, dos manexos dun enxeñeiro metido a político, Martín Villa. A realidade do Bierzo, como a do Occidente asturiano, é galega: a súa economía é aínda atlántica, non mesetaria. Castilla la Vieja é outro mundo, e Pucela –Valladolid– a capital do enxendro castelán-leonés, burgo distante atravesado por unha cloaca que chaman río.
Cantan os ríos troiteiros do Bierzo lindas cantigas da Gallaecia Lucense e os ósos do historiador Alexandre Herculano móvense na cova, porque cada día está máis próxima a reconstrucción do país que nunca se debeu dividir.
Primeiro serán bercianos e asturianos a pediren ser vasalos do señor de Compostela. Despois, todos os galegos quererán ser súbditos de quen mande no Porto, cidade que deu nome a Portugal e hoxe é motor económico da esquina verde da Península…
Cousas veremos que aínda non vimos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/08/2000]

Unha reflexión sobre “Bergidum (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/08/2000)

  1. Pingback: O desatino (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/09/2000) | XAVIER ALCALÁ

Os comentarios están pechados.