Armas (A voapluma, Diario de Ferrol, 18/09/2000)

Caldeados como están os ánimos coa cuestión dos pistoleiros, chegan rumores de xente que insiste no mesmo: os ameazados de tiro na caluga (que ás veces sae mal e dá no queixo) deberían ir armados.
E a seguir vén a discusión sobre a conveniencia de que as víctimas posibles carguen pistola. Hai quen opina que, se así fose, os exterminadores pasarían da arma lixeira, do tiro selectivo, a instrumentos de matar potentes, colectivos…
No medio desta polémica desgraciada, tan vella coma a Historia dos Homes, sorpréndenme intromisións na miña suposta intimidade telemática que relaciono co escrito por min e publicado neste xornal.
Escribín a voapluma sobre as armerías de Buenos Aires e non demorou en aparecer unha mensaxe na caixa de correo electrónico do servidor que uso para o traballo (o de máis doada identificación).
A mensaxe traía un enlace coas páxinas virtuais dunha asociación arxentina de afeccionados ás armas de uso persoal, instrumentos que teñen algo de morboso, sempre atractivo.
Pistolas e fusís mostran unha estética fatal, excitadora de imaxinacións, capaz de virar uns graos de máis algunhas mentes xa reviradas, tolas.
E non fica aí o asunto das entradas pola rede de redes:
Non só me queren -anonimamente- tentar coas armas; tamén co fútbol.
Da mesma maneira recibín mensaxe con enlace a un servidor continuo de noticias sobre xogos e xogadores, bolas e partidos.
Coido que o autor deste mensaxe é alguén de bo humor, moito máis divertido có afeccionado a apertar o gatillo que mandara a anterior.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/09/2000]