Matrículas (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/09/2000)

Cada vez que leo un libro escrito por un inglés que coñece España ben, quero deixar de ser español.
Acabei hai pouco o de George Borrow, vendedor de biblias, e agora leo o de Peter Elstob, piloto de avións e tanques. Unha historia acaba en 1838 e outra en 1939, pero todo nelas parece igual sobre a Pel de Touro.
Igual, e un pregúntase se algunha vez teremos cabeciña, capacidade de nos entendermos ao xeito dos suízos, que, das diferencias insalvables, fabricaron unidade…
Vén isto ao conto das matrículas. Seica media España está disposta a facer nacionalismo, particular (periférico) ou xeral (antiparticular, centralista), por conta de algo tan charramangueiro coma os coches.
¿Haberá cousa máis impresentable ca usar un vehículo como medio de ostentación con dereito a bandeiriña?
Non, pero aquí somos así, por pailáns, terceiromundistas, capaces de darmos consideración de becerro de ouro ao que é apenas instrumento de transporte.
Velaí o que subxace e ninguén declara encol do formato das matrículas “europeas”: se os coches non importasen, tampouco importarían as placas de identificación.
Nunca lle peguei a un coche o “E” de España nin o “G” de Galicia, e xa me amola levar o “C” de Coruña. Ora ben, se imos facer guerra, se iso vai xerar violencias de baixa intensidade, teña a ben o goberno central tomar nota dunha suxestión: a de que, dentro das combinacións de letras e números das placas, permita a cadaquén escribir o que lle pete, salvando as coincidencias.
Así fan os ianquis, que son uns pacíficos horteras.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/09/2000]