Miudezas (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/09/2000)

Chama un amigo e dime que escribo cousas serias de máis; que hai moito non conto dos meus tratos coa Greta, a Aixa, o Gurú e a Irene, ese elenco de seres miúdos de alma, pequenos ou grandes de corpo, que me divirten nas fins de semana.
Seguindo a amable suxestión, paso a informar:
Cando entrei no club hípico, a Greta non saiu a recibirme cos seus pelos acanelados e sucios de lama porque xa é unha cadeliña feita (véxase como nos pasaron os meses). Está co celo, e a súa coidadora decidiu afastala dos compañeiros machos e brincallóns.
A Aixa anda un pouco avariada, e tamén co celo, alta. Ten tendinite nas mans, se cadra porque lle medraron moito os cascos; pero todo se ha de remediar.
Demos un paseo espléndido e gañou medo dun esquío saltón, que, nun pulo acrobático, pasaba dun eucalipto para outro por diante de nós.
Logo do susto, vimos máis esquíos e conversamos; ou alomenos eu díxenlle á compañeira cuadrúpede que aos incendiarios debíaos xulgar un tribunal de esquíos presididos por un cuco…
De volta na casa, veume recibir o Gurú, que anda de lombo rapado para se librar das calores.
Movía o rabo laúdo coa insistencia con que anuncia visita. Sentín risos e entendín que a Irene aprendera unha nova gracia; e axiña comprobei que, se lle tenden os brazos, ela inclínase cara a quen llos ofrece, sempre desexosa de colo…
Ao xantar, gardei un silencio longo; porque algún día deixaremos de vernos. Dei en cavilar nas despedidas: Gurú, Aixa, Greta, Irene…, quen sabe a orde.
Un nó na gorxa non me deixaba engulir.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/09/2000]