Ao director (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/09/2000)

Unha das características propias do impaís hoxe chamado Galicia (antes “provincias del Noroeste”) é a situación colonial dos medios de comunicación.
Madrid e o nacionalismo españoleiro, estepario, chosco, mandan no audiovisual e gañan peso no escrito. Con todo é nos medios de letra e foto onde aínda colle o punto de vista galego, mesmo expresado -¿gratuitamente?- en castelán colonizador.
Por veces preguntámonos que acontecería se todos os xornais galegos escribisen todo en galego: ¿compraría a xente só os xornais made in Madrid?
Probablemente non, porque lle falarían do seu. Funcionarían como factor de narrowcast fronte ao broadcast. A intensidade informativa vencería…
O fenómeno de maior transcendencia a suceder entre nós é o da integración co norte portugués, asunto que afecta a toda Galicia, ata o último recuncho Cantábrico. E pouco espacio é o que os xornais galegos lle dedican, cando non o fan con visións tópicas, por veces demostrativas de que os redactores de novas galaico-miñoto-trasmontanas saben ben pouco de alá.
Por exemplo: iso de mostrar as mudanzas de ministros no goberno de Guterres como un desastre para o Eixo Atlántico indica que aos que escriben lles falta coñecemento de canto se coce por tras, de quen ficou no consello en Lisboa e de quen entrou de novo nas secretarías de Estado.
En fin: a metade da poboación e do PIB de Portugal están no “Norte”. Porto fica a 350 quilómetros de Ferrol. Madrid sempre estará a 610, cun deserto socio-tecnolóxico polo medio.
Por favor, abramos os ollos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/09/2000]