Diamantes (A voapluma, Diario de Ferrol, 23/09/2000)

O mellor das rexoubas é o traer unha multitude de asuntos sobre a mesa e as copas, e deixar pasar o tempo.
Tempo bo o da tarde en que se fala ollando o azul de Riazor, un buque grande parado contra o horizonte, como temeroso do mar que o espera fronte á Costa da Morte.
Fálase de facer negocios informáticos en Colombia, e un dos asistentes rememora voltas polo paseo principal de Medellín, mostrador de lindas mulleres.
Nos puntos de conversa segue “o euriño”: xa non se vai poder viaxar nin sequera ás Américas baratas, pero dolarizadas. Dentro de pouco, como os nosos pais: da Coruña a Carballo, a tomar as augas.
E viaxando en bus, con gasóxeno, de seguir así a crise dos combustibles…
As matrículas novas dos coches (xa se ven algunhas) tiran pola cuestión de cómo artellar España eficientemente. Hai quen coida que o goberno central tenta unha provocación; e quen di que isto vai acabar nun desastre: crise enerxética, económica en consecuencia e, aínda máis, política.
Nesa altura un rexoubeiro saúda a coñecido artista das xoias e na parola faise unha nova derivación: cara ás pedras preciosas.
A xema é o que vale, non a xoia, que se pode montar e desmontar. Nos momentos de crise, os diamantes son procurados con avidez, e vendidos con usura.
De novo, seica, os negociantes das pedras andan a bulir, a viaxar a Amberes, Nova York e lugares menos coñecidos da India, Rusia ou Brasil.
Os diamantes son riqueza concentrada, doada de gardar e de transportar.
O seu brillo pode virar invisibles inmensas moreas de diñeiro negro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/09/2000]