Confusións (A voapluma, Diario de Ferrol, 26/09/2000)

Mercé, en galego, e mercê en portugués ten algo de capricho porque, en teoría da lingua, debería ser mercede: o étimo (véxanse Fontinha e Corominas) é mercesmercedis, con acusativo mercedem. Iso daría en galego-portugués mercede, e en castelán merced.
Neste último caso así se cumpre e, se cadra, como a Igrexa impuxo o castelán para falar con Deus e a Virxe, o coñecido pazo de Neda é da Merced e non Mercé.
Cousas dos cregos… Pero o asunto é que nese lugar delicioso de confusións lingüísticas fun este día atopar un mariño (ilustrísimo señor por razón de emprego) víctima comigo de sinistra confusión, que paso a explicar:
Unha dama plebea, casada cun ancián, honorífico doutor e recente marqués, deu en facerme a guerra e inventou o seguinte:
Que eu andaba en -hipotética- conspiración republicana, por ser concuñado do xefe -hipotético- dos conspirados.
Mais a confusión era grande. Porque o oficial da Armada con quen conversaba eu na mariña do pazo da Mercé é José García Trevijano, irmán de Antonio. E, certamente, José está casado con Herminia, irmá de Manuela, casada con Alfredo, meu irmán.
Para máis confusión da confusa, dáse o caso de que, neste país de Herminias e Minuchas, o Alcalá que mal fora identificado é neto, fillo, irmán, xenro, cuñado, tío… de señoras que de tan clásica maneira se chaman.
E, a falar de cousas de familias grandes, vén sendo curioso que tanto José García Trevijano como quen isto escribe sexamos amigos de irmáns -distintos- de quen, ao parecer, tanto teme unha Terceira República.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/09/2000]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *