A Pailana (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/09/2000)

Leo con detemento as esquelas mortuorias, por unha razón: cando a cultura de Galicia se esgota, absorbida por outras “superiores”, prodúcese un fenómeno de brillo final, como ocorre con tantas manifestacións de vida.
Falece un país de paisanos e van nacendo poucos nenos, que xa nunca serán do país, de veras, dabondo. Pero quedan os seus avós.
Cando estes morren, a consciencia colectiva maniféstase saíndo do oculto: algo así como se manifesta a dos indios kollas, que andan con Cristo na superficie, na igrexa do colonizador, e nas minas andinas e profundas adoran o demo maior.
Das minas da galeguidade, na hora derradeira e verdadeira, afloran os alcumes que fan a cultura propia.
Detéñase o lector paciente destas notas a voapluma nas necrolóxicas de calquera xornal e calquera xornada, e verá que ata o máis terrible, o que pertence ao que se debe negar, logo xorde como timbre de orgullo no camiño do Alén.
O morto pódese apelidar Otero, pero ser “do Outeiro”; ou ter sido bautizado como Juan e, sen embargo, identificarse como Xan na paréntese que acompaña o nome na única ocasión pública da súa existencia. Logo de morto é importante ser coxo ou capador, ou chosco, ou varredor…
Acabo de ler unha esquela que dá por terra con todos os principios do autoodio, ou vén demostrar que aquí hai máis nacionalismo que en ningures, mesmo con lóxica negativa.
Porque “pailán” é do último que un quixera ser; e acaban de dar terra (gloria haxa, coitada) a unha señora que se fixo chamar en letras de molde Pilar a Pailana.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/09/2000]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *