O cacique (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/09/2000)

A preparación dunha conferencia sobre a Patagonia para a Cátedra Jorge Juan faime remexer en memorias vivas, e véxome nunha mañá de frío cruel a facer quilómetros cara á cordilleira andina.
Iamos a unha reserva india, onde un grupo de xente de pel cobriza e ollos riscados se foi recoller despois de séculos de pelexa cos estranxeiros colonizadores da terra das avestruces e os guanacos.
Baixar o vidro do coche para ventilar (o conductor prendía un cigarro coa cabicha do anterior) supuña chorar, e ficar aterecido.
Nun boliche deron indicación dos Pastos Blancos –que así se chama o lugar– uns gauchos de cara queimada. No seu falar “castilla” explicaron que o rancho do cacique non tiña perda: un xerador eólico marcaba o punto exacto na inmensidade parda.
Atopámolo: o muíño aerodinámico armaba un barullo espantador. Baixamos do coche e, contra o vento –oeste continuo– do Pacífico, escoado entre os vales, rexeado por neves, avanzamos ata a construcción de barro.
Ladraron os cans e abriu a porta un ancián pequeniño: un mapuche, palabra araucana que indica “xente da terra”.
Fíxonos pasar e logo falaba abertamente, mentres ofrecía infusión de yerba mate.
Mateando deu razón da fin: os “paisanos” íanse todos para os pueblos dos huincas, as mozas servían nas casas e volvían falando coma as amas brancas. Os nenos non escoitaban máis a fala india…
Nunha parede había un calendario cunha estampa da Virxe de Luján.
Con todo, o cacique insistiu: “moriré sin ser cristiano”.
Sería o derradeiro sinal de resistencia ao invasor.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/09/2000]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *