A eternidade (A voapluma, Diario de Ferrol, 30/09/2000)

Recollo cousas que sobran no meu escritorio e dispóñome a tirar con elas á papeleira. Unha consiste en conxunto de pinza de plástico e alfinete imperdible, supostamente de aceiro cromado.
Fico co artefacto na man, dubitativo. Algo no fondo máis fondo da consciencia dime que vou cometer un acto cheo de perversidade, da perversidade propia da civilización en que me fixen persoa.
Nesa civilización destructiva, a economía baséase en extraer, elaborar, usar e tirar; sen ter pensado o reúso. Petróleo e enerxía -que sae do petróleo- fan o plástico; mineral de ferro ou ferranchina e máis enerxía fan o aceiro; mineral de cromo e, de novo, enerxía, liberan o brilloso metal dos seus compostos.
O trebelliño do que falo, despois de usado durante algunhas horas a penas, perde toda razón de ser e convértese nunha molestia. Ninguén pensa en volvelo usar múltiples veces, porque o traballo de recollelo e reenvialo é caro de máis.
Por tanto, con grande dor do meu corazón, alá vai á papeleira…
Á noite virá a señora da limpeza e levará a bolsa de plástico na que se confunden papeis e outras cousas, botaraa no contedor do lixo, o camión do servicio municipal levará o contedor e botará o seu contido na lixeira, no monte sinalado polas gaivotas.
Nese monte de lixo hai décadas que se van acumulando materiais condenados á eternidade, fabricados para duraren eternamente: plástico, aluminio, níquel, cromo, bronce…
Non estaremos aquí para velo, pero haberá enxeñeiros da minería do lixo.
Porque, claro, nada é eterno.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/09/2000]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *