Arxentinos (A voapluma, Diario de Ferrol, 01/10/2000)

Cando tan mal se fala do nacionalismo, esquecendo o lixo no ollo propio e mirando o do alleo, cómpre aos nacionalistas defenderen as nacións, que poden ser moitas para cada un deles, como as linguas que se falen.
Un nacionalista pode, por exemplo, sentirse e razoarse galego, español, ibérico, europeo, iberoamericano… sen que iso lle provoque conflictos de consciencia; como tampouco se lle han de crear na mente confusións por falar diversos idiomas, asociados ás circunstancias propias deles.
As nacións poden ser queridas como os fillos, por veces tanto máis canto máis desvalidos son.
Eu confeso o meu amor nacionalista pola Arxentina, que me deu muller e sogros, e infinitos amigos, país que non se dá posto no seu lugar no concerto das nacións, e que produce un órgano crítico e diario chamado La Nación.
Consulto a cotío La Nación, vía internet, e sei que a nosa Arxentina vai mal. Mais, como di a miña señora sogra, crioula moi viaxada, “é nosa”…
Este día falamos da Patagonia na Cátedra Jorge Juan. O coloquio poderíase ter mantido durante moito tempo; pero o moderador acertou ao cortalo en horas de caldiño quente.
Cando saïamos do salón de actos do Arsenal ferrolán, achegóuseme un señor. Dixo ser arxentino, e ter gozado coas evocacións das paisaxes engaiolantes da súa patria. Non protestou por nada, non rebateu expresións duras, como a de que “a Arxentina é un fracaso histórico”.
Moito lles quero aos arxentinos: saben encaixar. Quérolles máis que a uruguaios e cubanos, que tanto se enfadan comigo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/10/2000]

Unha reflexión sobre “Arxentinos (A voapluma, Diario de Ferrol, 01/10/2000)

  1. A Arxentina e un rompecabezas que uns poñen as pezas e outros din que ali non caben. Mais malia diso, os que a sofrimos e amamos coa mesma intensidade temoslle fe e non imos ceder os ” eternos loureiros que suobemos conquerir”…

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *