A coroa (A voapluma, Diario de Ferrol, 02/10/2000)

Hai tempo, o director dun xornal deste Impaís que tanto amo botoume unha terrible amoestación por delegación do editor: segundo o responsable dese medio de comunicación, algo que eu escribira rozaba o desrespecto “á coroa”.
No que segue non se vai falar desa entelequia —próxima á do Espírito Santo— en que cren os monárquicos, senón dunha moeda sólida, que emite o banco central dun dos países máis capitalizados per capita, e máis nacionalistas, do mundo: a Dinamarca.
O que pasou alá só se entende cando un anda por aquel peculiar conxunto de península e illas, tan ao norte que, cando é solsticio de verán, o trasnoite empalma coa madrugada, e, cando chega o de inverno, a penas se ve luz entre as once da mañá e as dúas da tarde.
Os dinamarqueses son tipos curiosos, gozadores da cervexa e o sexo, e de canto lles dá unha vida inclinada á meditación e ao suicidio (por convencemento de que todo é fugaz, inxustificado).
Son tan demócratas que discuten a forza de papeleta e urna, e tan tribais que temen ser absorbidos polos bárbaros do sur —alemáns— e polos curmáns do leste —suecos—.
Europa, si: para poder ter casa na Costa Blanca, ou na Costa Brava, ou nas Canarias africanas. Pero nada de renunciar á coroa polo euro: porque din os tratadistas que un estado se define polo exército e a moeda.
A Dinamarca, señores, non terá un exército coma o británico, pero ten unha coroa tan respectable coma a libra inglesa: nada de lixos coma o marco ou o franco —por non falar de cousas microscópicas coma a peseta ou a lira.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/10/2000]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *