Novo comercio (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/10/2000)

Transcorreu a xornada no belo encerro do Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago, a pé da autoestrada que minimiza Galicia de norte a sur, xunto do camiño dos peregrinos, coberto de asfalto.
Mulleres e homes, máis ou menos coñecedores dos asuntos que se recollen baixo o epígrafe manido de “comercio electrónico”, discutían nun foro de transmisión de coñecementos que organizara a Telefónica.
Unha vez máis víase como os inventos dos científicos, que os enxeñeiros acaban impondo, avanzan a unha velocidade superior á da lexislación.
Cando xa farta dicir o dito —”comercio electrónico”— comezan a xurdir as regras de xogo dentro dun novo sistema: un señor do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía adianta o proxecto de lei que pretende deixar as cousas onde cómpre; outro, dunha axencia de certificación de “sinaturas electrónicas”, tenta transmitir tranquilidade ao público.
Todo vai funcionar, non se ha gastar papel en ofertas, pedidos, albarás, facturas; ninguén vai ter que andar co teléfono, o fax e o correo.
Unha marabilla, a do novo comercio.
Pero alguén, asisadamente, lembra que, por tras das compra-vendas feitas diante dunha pantalla de ordenador, hai “loxística”: ou sexa, transporte de mercadorías. E que o transporte ten que funcionar…
De volta na autoestrada, a escena sorprende o viaxeiro. Unha caravana de camións de empresa de alimentación avanza protexida por gardas civís en moto e coche. É día de folga; deben ser servicios mínimos.
Velaí: a comida non se pode transmitir por vía telemática.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/10/2000]

Unha reflexión sobre “Novo comercio (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/10/2000)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *