Como se fixo

Como se fixo a triloxía Evanxélica memoria

A orixe

É natural que na mente do lector xurda a pregunta de como se comezou a xerar unha narración, que foi o que deu pé a que o autor a desenvolvese. Por veces, dáse o caso de un longo romance se desenvolver desde unha anécdota mínima. Mais iso non foi o que ocorreu con Evanxélica memoria.biblia-de-don-juan-cartea-1.JPG

Os que nos criamos pola Ferrolterra e os seus arredores sempre estivemos próximos aos evanxélicos -di Xavier Alcalá-. De pequenos dicíannos que non xogásemos con eles porque eran “raros”. E, de feito, érano porque andaban receosos, sempre pensando que os fosen agredir.

A memoria persoal de Alcalá cando cativo e adolescente esténdese entre as rías de Ferrol e Ares polos anos 50 e 60. Daquela as agresións aos protestantes non eran físicas; a lembranza de malleiras e mortes perdíase nas décadas anteriores, pero non faltarían as procesións contra os “herexes”, con estandartes e himno en que os desobedientes a Roma eran presentados como inimigos da Patria:

Fuera, fuera, protestantes;

fuera de nuestra nación,

que queremos ser

amantes del Sagrado Corazón…

Non faltan referencias aos evanxélicos nas obras de Xavier. Nelas a visión do autor é a duns disidentes do sistema nacional-católico que sofren penalización “só por andaren a contrafío”.

Sempre tiven un sentimento de solidariedade con eles -confesa- porque me parecía indecente que os atropelasen por non creren no purgatorio, que tantas misiñas de ánimas lles valía aos cregos, ou por se atreveren a pensar que Cristo tivo irmáns. Teño falado moito cos amigos evanxélicos sobre estas cousas pero non me decidía a facer unha narración ata que empecei a saber da épica que se oculta tras dos silencios dos “crentes”.joy-ginnings-e-manuel-molares.JPG

A fins dos 90 Alcalá recibía aviso amable de don Manuel Molares Porto, ancián da igrexa de Ares, que facía eco a outros evanxélicos: estaban dispostos a levantaren as súas voces desde as catacumbas en que levaban sesenta anos. A mensaxe foi sinxela: viviran unha historia que, cando a contaban en tempos de liberdade, non daban crido. Buscaban “escritor acreditado” para berraren desde a soterra.

A vella amizade da familia Molares comigo fixera doado o achegamento. E logo de me liberar das obrigas literarias dese intre (a edición e as presentacións da novela Alén da desventura), xa metidos no verán do 99 iniciamos conversas sobre a historia do “pobo adquirido”.

A primeira toma de contacto a fondo sucedeu na costa que vai de Pontedeume a Campolongo. Ía calor e cheiraba a uvas. As voces non se elevaban. O medo é lousa difícil de erguer. Así principiaban uns apuntamentos a man que acabarían sumando más de trescentos folios. Arrincaba un exercicio de escoita e preguntas incitadas por un relato con sordina, historia que levaría o autor de norte a sur de Galicia, á ribeira e á montaña; e alén da Pedrafita; e ata a Arxentina e a Inglaterra.

Falei con evanxélicos e con quen se atrevera a ser amigo deles nos anos do horror. Fun penetrando nun mundo escuro de disidentes aos que o réxime castigaba nunha confusión louca, marcando con ficha de “comunista, masón y protestante” a quen non podía soster as tres condicións ao tempo… Especialiceime -di o Xavier cun ton de orgullo-. Cheguei a discorrer cuestionarios para os meus informadores; que devolvían respondidos; e que daban lugar a máis preguntas.dona-maruxa.JPG

Mulleres rexas coma carballos e homes duros coma buxos quixeron falar; e falaron. Voces mansas pero teimudas foron informando de roubos, asasinatos, torturas, abusos, desprezos, ofensas, insultos, asoballamentos, mentiras, prevaricacións, desvíos teolóxicos, amaños do Evanxeo ao servizo do nacional-catolicismo…

Tiven a tentación de gravar aquelas voces -recoñece o narrador xa convertido en investigador-. Pero retívenme. Era tanto o que me contaban que preferín manterme coas notas a man, para que nelas aflorase só o que máis impacto producía na miña consciencia. E só pasados os anos, no 2006, o Anxo Fernández entraría a gravar en vídeo entrevistas cos personaxes da historia por razón de conservar testemuños vivos, sobre todo os dos que marcharan ao exilio relixioso.

A forma

Segundo avanzaba a investigación, co paso dos anos, xurdía un problema moral para o escritor e os que lle contaban historias difíciles de crer: na bibliografía específica sobre a represión relixiosa en España aparecían persoas coñecidas, aínda vivas e activas, que tiveran un feo comportamento; o mesmo ocorría nas actas notariais aportadas como documentación de apoio aos relatos orais; e nestes soaban nomes de criminais moi tratados polos relatores, suxeitos con familia que nada tivera que ver coas atrocidades cometidas.

De aí xurdiu a dúbida sobre o formato a lle darmos á relación de aventuras e desventuras do pobo evanxélico de Galicia, que tal dimensión ía adquirindo o escoitado, porque era xente de todo o país, e da emigración, a que falaba… Cando entramos a falar de formas, os anciáns evanxélicos insistíronme en que querían “xustiza e perdón”. Importaban os feitos, non as figuras dos malvados. Cumpría disimular para evitar a vergoña de actores e descendentes deles.

juan-souto-1.JPGEsa condición impedía logo a redacción dun informe frío, xornalístico, que mesmo invadise o territorio profesional de historiadores directos e inmediatos (coma, por exemplo, o profesor Bernardo Máiz, tan próximo aos declarantes e tan bo coñecedor do mundo oculto que eles estaban a revelar rememorando circunstancias e sentimentos). Entón o apaixonamento de don Manuel Molares suxeriu a idea de facer unha autobiografía falsa pero verosímil, achegada milimetricamente á realidade histórica.
Novelar permite inventar, modificar, tecer e destecer. Da capacidade técnica do narrador depende a sensación de realidade que reciba o lector -xulga Xavier Alcalá-. O reto era transmitir realidade aínda que non todo fose real, xogando con distintos tipos de personaxes: as persoas que existiron, retratadas con nomes e apelidos certos, e as que, imaxinadas, cumprisen función de verdadeiras.

Por acordo cos protestantes necesitados de falar, os personaxes bos aparecerían no relato como foran na vida. Os totalmente ruíns, irrecoñecibles (ou non, se as súas malfeitorías formaban parte de Historia); os que viviron entre sombras e luces en materia de bondades habían ser recoñecibles polos datos.

Os lugares onde transcorrese a acción que máis marcaría o autor da autobiografía nunca ían ser nomeados, pois eses lugares e os seus veciños fican marcados polos crimes que neles houbo. A primeira etapa da vida do protagonista ocorrería nunha vila do extremo sur de Galicia. A segunda, tras a guerra e o trasterro profesional, noutra da esquina noroccidental do país. Quen quixese saber delas, que deducise. Non lle ía faltar pintura ao vivo para facelo.

A estrutura

Informadores e “escribán” chegaron pois á convención dunha historia novelada e aproximada á Historia comprobable. Mais ficaba outro problema por resolver: o do tamaño do relato. Das notas tomadas ao longo de 1999 xa se vía que só o primeiro treito da vida do personaxe principal, de 1916 (cando naceu) a 1939 (cando volveu da guerra á que fora para que non o fusilasen), xa daba para un volume de máis de trescentas páxinas. Contar logo o acontecido nunha vida chea de aventuras -de loita continua pola supervivencia a contrafío- ata sesenta anos despois facía imaxinar “unha bibliotequiña”.

Damián Villalaín, daquela director da editorial Galaxia, acolleu con ganas un proxecto de relato longo. Aplaudiu un título xeral, Evanxélica memoria, e recomendou facer varios volumes sen forzar a prosa nin para máis nin para menos. O que dese sería benvido. Aínda mencionou Á procura do tempo perdido.

Estivemos de acordo e fixemos o derradeiro acordo cos anciáns: -lembra Alcalá- o de rematarmos a historia “polo momento” o día da morte do caudillo que soñara con ser Jaime de Andrade. O 20 de novembro de 1975 era un punto e á parte para todo en España. Vintecinco anos de perspectiva histórica no ano 2000 concedían tranquilidade aos nosos espíritos.

Pouco despois estaba montado o esquema dunha triloxía, da que se coñecía o final: o momento, a escena, a frase e a palabra última. Había rematar no responso do párroco franquista da vila, asegurando que nela quedaban as cousas aínda máis atadas que como as deixaba en España o glorioso defunto.eduardo-cartea-millos-2.JPG

A primeira novela íase titular Entre fronteiras e contaría a vida dun converso ao Evanxeo, entre a fronteira do Miño, onde nacera papista e virara evanxélico, e a do Perineo catalán, a onde o arrastrara o vendaval da guerra.

A segunda sería Nas catacumbas, repaso ao tempo lento, pousón, esmagador, de posguerra con guerra mundial e guerrilla viva, no que os evanxélicos padeceron á par castigo de nacional-católicos e de comunistas guerrilleiros.

A terceira necesitaba ser Unha falsa luz, reflexo da luz falsa en que se guiaron os disidentes, “herexes”, “malos españois”, empeñados en oraren polos gobernantes da Patria mentres lles esixían liberdade relixiosa convertida en lei.

Inicio do proceso

Durante case oito anos tomei notas do que me contaron ducias de persoas, de distintas idades, ideoloxías e formacións; e co anotado fun colocando as pezas dun quebracabezas complexo, moi complexo -recoñece o autor-. Se queriamos transmitir sensación de verosimilitude, cumpría aterse estritamente ao desenvolvemento dos feitos históricos, dentro dos que se encadraban as historias persoais dos relatores e dos seres que os acompañaran nos seus percursos vitais. Por tanto adoptei a solución de seguir o calendario, mes a mes, a partir da mocidade do autobiógrafo da ficción, que se estreou cunha data emblemática: o 14 de abril de 1931.

Esta necesidade de pór os feitos no momento apropiado representoulle a maior dificultade do proceso de redacción pois, como é ben coñecido, as persoas anciás poden lembrar escenas luminosamente mais non recordan ben os momentos; e a súa memoria confúndese tanto máis canto máis próximo é o acontecemento relatado. Aínda máis, postas a relataren, persoas vellas e novas, teñen todas tendencia a saltaren no tempo duns feitos a outros por suxestión e asociación de ideas. Iso complica o labor do escribán que quixera oír os declaracións en secuencia.

O resultado foron os apuntamentos, os centos de páxinas manuscritas datadas entre xullo de 1999 e abril de 2007. Segundo se avanza nelas, descóbrese o aumento de pericia do escribán, quen, co paso dos anos e dos interrogatorios, consegue que os informantes se vaian cinxindo á sucesión dos feitos. Con todo, nesas páxinas os parágrafos aparecen enmarcados en vermello con indicacións de “Nenez”, “Guerra”, “Posguerra”…, “I” (primeira novela), “II” (segunda), “III”… Os parágrafos pertencentes ás distintas partes poden presentarse contiguos, correspondentes aos saltos temporais do informante. Eses parágrafos manuscritos pasarían despois polo procesador de textos, dando lugar unhas veces ao desenvolvemento da prosa propia do narrador e outras á simple transcrición que dá forza de verdade aos relatos en vivo.

Compondo o quebracabezas

eduardo-cartea-gonzalez-2.JPGUnha tentación natural do narrador é a de empalmar parágrafos de maneira que a prosa flúa e resulte ben trobada aínda que non sexa veraz -acepta o Xavier-. Pero iso, no caso da Evanxélica memoria, supuña saírse da convención adoptada. Iso levounos a tres labores en paralelo, o xa mencionado de preparar cuestionarios para que os informantes se centrasen, afinasen e acertasen; o de conseguir documentación, parte dela en posesión dos informantes; e o de consultar os especialistas. A documentación a considerar foron libros de historia xeral de España, militar, evanxélica…, as Escrituras, revistas relixiosas, de actualidade, de agricultura…, curiosidades coma os discursos do doutoramento honoris causa de Franco… Os especialistas axudaron a fixar batallas e asaltos guerrilleiros, procesos de represión e liberdade relixiosa, tensións dentro do réxime franquista, os avances do escaravello e os praguicidas… Esquemas. Calendario. Documentación. Contraste. Redacción. Revisións. Correccións. Nova redacción. Nova revisión. Nova corrección… As tres novelas fóronse axustando ao programado, ás veces con reaxustes temporais que obrigaron a redactar de novo capítulos enteiros.

Non foi ao prelo ningunha delas sen antes ter pasado por varios peites finos, de quen pode axuizar o que se conta porque o viviu, de quen sabe de Historia moderna, de quen coñece o Evanxeo e os avatares evanxélicos, e de quen seguiu polo miúdo as trazas do franquismo. Non se imprimiu ningún texto antes da cuarta redacción total. -Nunca acabarei de agradecer aos revisores o labor que realizaron na construción das triloxía -conclúe o autor.

O resultado

En opinión do “escribán que se ocupou da redacción engadindo pouco esforzo de imaxinación”, Evanxélica memoria é un repaso por tempos de azar e barbarie na España de dúas xeracións, a dos seus pais e a súa. Cun punto de vista estraño, descoñecido ata agora: o dun converso á crenza evanxélica e, aínda máis, un tipo peculiar: miñoto lusófilo, galeguista, socialista anticomunista e republicano agradecido aos ventos de liberdade de consciencia que trouxo a República. Relata alguén “que non pode ser o escribán porque o separan del o tempo e circunstancias vitais”; pero a quen o escribán admira, e de quen agradece leccións de vida. Admiración e agradecemento son os antídotos para unha tentación de escritor, a de se retratar el mesmo na historia. O profesor Xosé Ramón Pena deixou claro na presentación de Entre fronteras (versión en castelán da primeira novela da triloxía) que no texto non se fixera “exercicio de ventriloquia”.pilar-rodriguez-de-rodriguez.JPG

A historia relatada nas tres novelas é moi semellante á de don Manuel Molares Porto -desvela o Alcalá-. Manuel Valeriano Liñares Couto, o autobiografiado, é case el; pero non é el de todo. Estivemos a facer novela durante anos e, para conseguirmos a economía do papel, iso que deixa os libros no seu xusto peso, houbo que cortar moitísimo do vivido polo ancián evanxélico. E houbo que engadir algo para que o retrato do “pobo adquirido” resultase máis completo arredor do personaxe que relata en primeira persoa.

Uníronse á experiencia vital do Molares vivencias do Liñares procedentes doutras voces que xa non poden soar ou que non quixeron ser identificadas. Por simplificar mentres se exemplificaba, fíxose andar o Liñares con personaxes que o Molares non coñeceu ou inventados, como o avó paterno viñateiro ou unha filla química (seres que, doutra banda, non serían incongruentes coa traxectoria vital de don Manuel).

Falando de economizar -advirte Xavier-, sería imposible facermos retrato de todas as persoas que influíron nesa traxectoria, e dos seus compañeiros de disidencia relixiosa e política. Por iso deixamos reducidos a poucos, por exemplo, os curas fornicadores e “comedores de rojos”, os falanxistas covardes na fronte e paseadores na retagarda, os indoutrinadores do PC na guerrilla, os gardas civís coa alma de charón renegro, as damas enriquecidas coas corruptelas do franquismo, as beatas dispostas a manchar a conduta das mulleres evanxélicas… Xuntamos caracteres e construímos estereotipos. Porque estabamos a novelar. E seica deu decente resultado.

Informantes e axudantes

sra-de-eddo-cartea-glz-2.JPGFalouse xa de medos e receos, e de necesidade de facer xustiza: a de dar voz aos ocultos en vida, a mortos respectados na súa condición e mesmo aos mortos cuxos ósos non foran respectados por seren de herexes.

A lista dos informantes ata chegar ás mil trescentas páxinas da Evanxélica memoria sempre ficaría incompleta, pois moitos foron espontáneos e a penas ficou deles unha expresión da súa necesidade de falaren e unha frase importante apuntada. É intención do autor ter en conta a todos cantos soportaron as súas preguntas, ás veces impertinentes, mais non todos os informantes queren aparecer recoñecidos.

Velaí logo unha lista de urxencia, que sempre se poderá completar no medio electrónico en que se presenta:

  • Declararon don Manuel Molares e os seus fillos máis vellos, Manuel e Uxío; e a muller do Manuel fillo, Lenny. Falaron compañeiros das frontes de batalla de don Manuel. Falou moito un vello socialista. Contaron as súas dificultades señoras crentes de Cabanas, Soaserra e Ares. O Mingolo e outros crentes de Ares deron as súas versións do acontecido. O doutor Manuel Garrido foi e veu coa súa memoria evanxélica entre A Coruña e Ares.
  • O pastor Timoteo Figueirido Woodford lembrou o seu avó famoso, o pastor inglés que lle deixou segundo apelido, e ofreceu riquísima información gráfica dos misioneiros. O pastor Samuel Pérez Millos tamén contou historias familiares, de vendedores de Biblias, e da propia; e marcou o camiño cara ao exilio relixioso na Arxentina, do que nunca se falara. Joy (Luisita) Ginnings, filla do pastor de Ares e alí nacida, soubo revivir o mundo da misión evanxélica.
  • En Buenos Aires, o escribán foi recibido de brazos abertos por Ochoa e Souto, e polos Cartea, os Pérez, os Rodríguez…, creadores de igrexas “de gallegos”, fuxidos da represión.
  • O historiador evanxélico Gabino Fernández Campos uniu en Madrid testemuño e paixón aos do profesor Máximo García Ruiz para explicar tempos de falsa luz. Tamén en Madrid, unha personalidade responsable de grandes feitos da España contemporánea deu a súa visión de protagonista na loita interna do franquismo fronte á liberdade relixiosa; pero foi tallante co investigador: “Señor Alcalá, non poña na miña boca o que vai escribir”…
  • Canto aos que axudaron na redacción, cómpre mencionar de novo a don Manuel, que fixo correccións de moitos detalles (perdoando que non se introducise o que el engadía a man nas copias das sucesivas versións); e ao Xoán Ramón Allegue, que indicou como podar texto á procura de substancia e prosa sen costuras; e que orientou sistematicamente na cronoloxía dos sucesos.
  • Como lectores de probas con opinión, sempre recollida, débense sinalar o Marcelino Fernández Mallo e mais o Xoán Pérez Lema. Corrector preciso, como técnico indiscutible na materia, actuou nos sucesivos orixinais o profesor Bernardo Máiz Vázquez. Revisor en materia evanxélica, mestre nos matices, foi o pastor Figueirido Woodford.
  • Sería inxusto non mencionar o equipo de profesionais de Galaxia, que entraron nas miudezas de grafía e estilo. Outro tanto cómpre facer cos de Ézaro canto á versión en castelán da obra.