A folga (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/09/2000)

A folga dos transportes de viaxeiros por estrada está a dexenerar. Ninguén que se mova en parámetros desta volta de século entenderá moi ben actos vandálicos durante a demostración de dereitos do traballador que supón un paro organizado.
Pero vidros rotos con bolas de rolamento, contundencias de aceiro, levan a empresarios e conductores en servicios mínimos a miraren polo que importa: a vida.
Os efectos da irregularidade comezan a espallarse como mancha de óleo, pertinaz, visgosa. Nada máis impopular cá falta dun transporte colectivo, e os señores folguistas haberían ter en conta que, sendo todos sociedade, uns membros dela se poden pór en contra doutros.
Sirva como exemplo o que segue:
Nunha cafetería de Ferrol falan varios homes con xeito de andaren nos negocios. A folga dos buses aparece na rexouba e, de inmediato, algún dos partícipes lembra a rotura da ponte das Pías, e o bo servicio que deu a RENFE daquela.
-Sacaron os trens porque seica quedaban sen choio os do Ideal -asevera un-. Que país: agora, nin tren nin bus.
-Imos á ruína sen ferrocarril -acrecenta outro-. Sen alternativa a Arriva estamos nas mans duns folguistas.
-Vai haber que lle botar unha novena á virxe de Chamorro para que nos devolvan o tren -suxire un terceiro.
-Seica os cascarilleiros xa lle andan a rezar á súa patroa -brinca o cuarto na rolda.
Silencio. Corre bo viño, mencía de Monterrei. Hai cordialidade de amigos a ocultar enfado contra o mal trato da RENFE e a indefensión dos usuarios dun servicio universal…
En fin: avisados quedan.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/09/2000]