A noite branca, de Francisco Fernández Naval (A voo de tecla, 02/07/2013)

Expertos con ‘auctoritas’ sobre os sistemas literarios falan da súa ‘consolidación’, e consideran mostra dela o existiren obras volumosas de autores con traza de seguir a facelas. En Galicia, nomes coma Queipo, Riveiro Coello ou Fernández Naval confirman que sesenta anos de novela a progresar en tamaño non supuxeron vans esforzos. A noite branca, do último mencionado, danos idea de como encher páxinas con ‘economía de papel’ sobre un aspecto da historia do país que raramente se tocara: a loucura que arrastrou a tantos ‘voluntarios’ ata a fronte rusa. Nese texto Fernández Naval logra un encaixe de gran romance ao que non se lle descobren costuras, mesmo levando a narración desde un Ourense con guerra e fuxidos á Habana de todos, para enlazar co manto da neve rusa tinxida de sangue.
A noite branca é unha obra de arte que obriga á continuidade no tema. ¿Mais só por parte do autor ourensán acoruñesado? Na Coruña hai outro novelista con deberes pendentes ao respecto xa que o pai foi un capitán de estado maior na División Azul. Quizais fose o oficial máis lonxevo entre os que alá foran, e faleceu en bo uso da súa memoria.
Chamábase Alfredo Bermúdez de Castro, capitán Bermúdez para os homes que loitaron con el (e contra el pois hóuboos que se pasaron ao Exército Vermello). Culto, refinado e intelixente, trouxo unha visión da atrocidade que paga o traballo dun gran relato. O seu fillo Ignacio -?de probada capacidade literaria- débenos un novo capítulo das Epopeas Galegas polo Mundo.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 02/07/2013]

Dúas señoras novelas (A voo de tecla, 03/03/2013)

Recentemente, ‘Culturas’ de La Voz ofrecía un abano de títulos sobre a barbarie destrutiva do nazismo e os campos de exterminio. Cualificábanse os textos de “novela histórica”, categoría que admite desde intrahistorias de feitos coñecidos a revelacións dos que nunca se fixeran públicos, pasando por fábulas de grande verosimilitude segundo a Historia.
Volvendo á bestialidade que arrasou Europa, habería dúas señoras novelas que engadir aos títulos presentados por ‘Culturas’. Son ‘La bibliotecaria de Auschwitz’ e ‘Laura no deserto’.
Toni Iturbe, autor da primeira, é xornalista por formación e director de revista literaria por profesión. Das súas aventuras vitais xurdiu o aviso de que en Auschwitz houbera unha biblioteca clandestina cunha ducia de libros; e foi atopar a bibliotecaria en Tel Aviv. O texto é tan perfecta reportaxe novelada que o lector non precisa facerse cómplice do fabulador para mergullar na historia.
Antón Riveiro Coello, autor da segunda, é estrela de imparable ascenso no firmamento da narrativa longa en galego. Desta volta deixa os lectores sen folgos na carreira de pasaren páxinas bordadas por quen sabe facer novelas, non pegar contos con visibles costuras. A súa Laura é moito personaxe; e as vidas dela, resumidas nunha, lembran a filigrana incestuosa de Eça en ‘Os Maias’.
A bibliotecaria xudía, Dita, e a fotógrafa libertaria, Laura, fan sentir aos lectores o noxo da vida infrahumana e a forza descoñecida que leva algúns a sobreviviren… En fin: dúas señoras novelas.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 03/03/2013]