Brasil sorprendente

Brasil sempre sorprende, do Rio Grande do Sul ao Rio Grande do Norte, desde as pampas ao sertão. Brasil enteiro está hoxe nos medios de comunicación do mundo porque nel a corrupción é tan desmesurada coma as súas praderías, os seus desertos e as súas selvas. Un xuízo por corrupción fixo substituír a presidenta da República Federativa polo vicepresidente, que agora seica ninguén quere. Polas rúas de Natal repítense os letreiros: «Temer fora».

Na televisión hai canles que transmiten en directo as sesións parlamentarias. Nelas vese como se baten os representantes do pobo; acúsanse de abusos, de ilegalidade. Outras canles amosan protestas populares e confesións de políticos: sen axuda federal os estados non poden pagar os funcionarios; o Exército anda na rúa por temor a folgas da policía. Mais o país parece seguir funcionando: nos centros comerciais, enormes, rebole a xente; en calquera lugar faise música, báilase, bébese, estouran as gargalladas; as librerías teñen oferta de todo, a fartar. A universidade dá cursos especiais para rapaces superdotados que aínda andan no colexio, a cadaquén na materia que pida o seu talento. No entanto -¡oh, Brasil dos contrastes!-, cando cae a noite sobre a praia outros rapaces déitanse nun cartón a contar estrelas (e quizais a ulir vapores de cola).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 15/01/2017.]