Desde Rusia polo Imperio

O próximo 12 de outubro poderase conmemorar o LXXV aniversario da entrada en combate da División Azul co Exército Vermello. Curiosamente, o ataque ruso comezou no «Día de la Raza», ou do Pilar, cando esa advocación mariana xa tiña rango de Capitá Xeneral e soldo correspondente.

Aquela aventura tivo moitas explicacións, contou con moito entusiasmo. Por primeira vez desde a Guerra da Independencia un corpo do Exército español ía enfrontar un exército regular estranxeiro. Mais alén dos oficiais da División, que foran facer carreira, había moitos fascistas entre os alistados. Proba diso son as letras das cancións coas que ían á morte (e ao campo de concentración en Siberia). Unha, titulada Desde Rusia, chama a atención, e debeu causar alarma en Lisboa pois di: «Solo esperamos la orden / que nos dé nuestro General, / para borrar la frontera / de España con Portugal. Y cuando eso consigamos, / alegres podremos estar, / porque habremos logrado / hacer una España imperial».

Non é para estrañarse logo que, mentres os divisionarios azuis berraban esas intencións franquistas, o embaixador de Portugal en Berlín tratase con Von Ribbentrop do «desmembramento» (sic) de España. No plan luso-xermano, Cataluña e o País Vasco serían repúblicas independentes. Galicia pasaría a completar o mapa portugués.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 14/09/2016.]

Cataluña desde a Unión Europea

Ao longo da campaña das eleccións catalás escoitáronse todo xeito de suposicións sobre o futuro dunha «rexión europea» (así vista desde a Comisión Europea, Goberno da Unión) no caso de se converter en Estado, inicialmente non adherido. Un dos máis insistentes malladores sobre o averno a que se lanzan os secesionistas cataláns é un galego que, como din en Bruxelas, non coñece a realidade en versión orixinal porque non entende o Eurenglish comunitario.

Con todo, ese señor ten asesores e na capital da UE hai moito diplomático español, da embaixada bilateral no Reino de Bélxica e da Reper (representación permanente de España ante a Unión); e máis conta con eurodeputados do PP que falan idiomas e toman cervexas con funcionarios da Comisión.

Na semana do 27S chovía tristemente en Bruxelas, o que convidaba a conversas de bar e taberna. Hóuboas infinitas sobre os problemas maiores da UE, seica o fluxo imparable de inmigrantes sirios e a fraude da Volkswagen. ¿E de Cataluña? Nada. So algún funcionario falaba de posibles dossieres nebulosos, pois a Unión non se deseñou prevendo secesións «rexionais» e carece de mecanismos para responder a elas. Ora, os officers -de distintas nacionalidades- están de acordo en algo: a UE nunca vai renunciar a «un país laborioso e democrático» coma Cataluña.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 01/10/2015.]

Andreu (non Artur) Mas (A voo de tecla, 30/12/2013)

Seica a base xermánica do inglés é o neerlandés. De aí, vendo en Bruxelas un edificio que se chama De Munt, un pensa en The Mint e traduce para o romance ibérico occidental como Casa da Moeda. Por se algunha dúbida ficase, o nome francés certifica o acerto: La Monnaie. Ora, non se refire tal nome ao uso actual do edificio, Palacio da Ópera, que acolle o afeccionado cos esplendores propios do tal xénero musical.
Un abonado aos palcos desa artística mansión é Joaquín Almunia, economista que na carreira política chegou a vicepresidente da Comisión Europea. Home atento aos coñecidos, non é raro atopalo a tomar o champán do “intermezzo” cun colega de sona mundial, profesor de Harvard e da Pompeu Fabra (e bo amigo dun galego, Henrique Sáez Ponte, de vulto entre os do gremio da Economía).
Calvo como Almunia, mais con bigote, Andreu Mas-Colell móvese por Bruxelas como peixe afouto en augas bravas: con ter sido secretario xeral do Consello Europeo de Investigación ben lle abondou para o “networking”. Almunia e Mas-Colell non falan só de sopranos e tenores, mais de Cataluña e Europa. Saben ben o que se din. Ambos economizan nas frases. Por iso Andreu (e non Artur) foi o que se atreveu a dicir que Cataluña –xeración máis, xeración menos– terá dereito a estrela propia no símbolo da Unión.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 30/12/2013]

Cataluña desde Bruxelas (A voo de tecla, 28/10/2013)

A “independencia de Cataluña” é tema de opinión cotiá españois. Con frecuencia mencionan “Europa”, en incorrecta referencia á Unión Europea, sen coñecemento do que se move polos ámbitos de Bruxelas. Daquela, fagamos unha inmersión nesa realidade.
Pola mañá, ao pasar, vese o edificio –de seis andares– da representación de Cataluña ante a UE. Noutro edificio de representación española, dúas damas a penas se saúdan, cando antes eran de fácil parola entre elas. Unha é de Barcelona e a outra de Madrid. A catalá non se apea do dereito á soberanía e esgrime o das repúblicas bálticas e balcánicas. Velaí Kosovo: “Francia apoiouno e non vai deixar Cataluña á toa. ¿Quen ve a Francia pondo alfándega en La Jonquera? ¿Que lle importa máis ao eixo París-Berlín, Cataluña ou Eslovaquia?”. A madrileña empéñase en que os de Madrid tamén terían que votar sobre a independencia de Cataluña. Por iso non se falan.
Ao medio día, “dejéuner” nun restaurantiño turco. Un dos comensais, catalán, é funcionario da CE. Seica son uns trescentos cataláns. Mentira que os vaian botar en caso de independencia: tampouco botaron os noruegueses cando Noruega –por referendum– se retractou de entrar na UE. O mozo que serve a mesa é un estudante de Tarragona; e a cousa acaba mal porque se atreve a intervir a dona turca. Di que “os curdos de Turquía son turcos”. Nunca tal dixera…
Pola tarde, nun dos grandes edificios da CE estala a cuestión: nos corredores, fóra dos españois, non se fala de Cataluña, porque cumpre con todo para adherirse á UE, e España terá que lle levantar o veto. “Unha cousa é a lei e outra a xustiza, e iso non o entende o Rajoy”, din. Alén diso, están a EFTA e o euro. Cataluña sempre estaría na UE de facto.
De noite, restaurante italiano. Na mesa, funcionarios de máximo nivel (director xeral e directores). Os españois levan a conversa a Cataluña. Fálase de pasar pola ONU. Un alemán asegura que en Berlín hai interese en deixar “ben colocados” na UE a Cataluña e o País Vasco. “O problema na ONU –advirte– é que no Consello de Seguridade Cataluña pode ter enfronte a Rusia, por Chechenia, e á China, polo Tibet”.
Na sobremesa hai opinión coincidente: Cataluña independente non vai ser un departamento francés, como dicía Cambó, mais un estado filial de París. Margallo sábeo e fala “de boquilla”.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 28/10/2013]