Couto á Babel (A voo de tecla, 01/10/2006)

Anúnciase a entrada de dous novos Estados na Unión Europea, ambos con idiomas de importante base social, o romeno e o búlgaro. Cada idioma que entra na UE supón, como mínimo, uns sesenta tradutores máis no Parlamento, alén dos intérpretes. O curioso é que linguas coma maltesa e a irlandesa, carentes de base social, sexan oficiais na Unión e teñan un “status” que obriga a gastos e facilita trapalladas.
Malteses e irlandeses poden argumentar que as teñen por maternas, o cal lles supón partiren coa vantaxe dun idioma –virtual– propio á hora dos concursos para funcionarios das institucións europeas. Notorio é o caso de irlandeses que ante os tribunais de ingreso aducen dominaren dous idiomas comunitarios, condición necesaria para optar a moitos postos. Á parte do inglés, seica falan gaélico.
Mais o ensino do gaélico na Irlanda é aínda peor có do galego no Impaís, de xeito que “case ninguén” é capaz de se defender na lingua que os fillos do Eire abandonaron a favor da do imperio que os asoballou. E o malo para os ousados opositores é que pode haber algún galego bo coñecedor da Irlanda, consciente dos desastres lingüísticos dos pobos con gaita ao fondo, que presida tribunal da UE e sexa xusto.
Iso pode levalo a facer unha pequena lista de termos vulgares en gaélico e examinar deles os supostos falantes da lingua case extinta; co resultado de respostas nulas, consecuente acusación de mentira e suspenso na oposición… Dese xeito, polo ben da Unión, vaise pondo couto á Babel de Bruxelas.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 01/10/2006]