Diamantes (A voapluma, Diario de Ferrol, 23/09/2000)

O mellor das rexoubas é o traer unha multitude de asuntos sobre a mesa e as copas, e deixar pasar o tempo.
Tempo bo o da tarde en que se fala ollando o azul de Riazor, un buque grande parado contra o horizonte, como temeroso do mar que o espera fronte á Costa da Morte.
Fálase de facer negocios informáticos en Colombia, e un dos asistentes rememora voltas polo paseo principal de Medellín, mostrador de lindas mulleres.
Nos puntos de conversa segue “o euriño”: xa non se vai poder viaxar nin sequera ás Américas baratas, pero dolarizadas. Dentro de pouco, como os nosos pais: da Coruña a Carballo, a tomar as augas.
E viaxando en bus, con gasóxeno, de seguir así a crise dos combustibles…
As matrículas novas dos coches (xa se ven algunhas) tiran pola cuestión de cómo artellar España eficientemente. Hai quen coida que o goberno central tenta unha provocación; e quen di que isto vai acabar nun desastre: crise enerxética, económica en consecuencia e, aínda máis, política.
Nesa altura un rexoubeiro saúda a coñecido artista das xoias e na parola faise unha nova derivación: cara ás pedras preciosas.
A xema é o que vale, non a xoia, que se pode montar e desmontar. Nos momentos de crise, os diamantes son procurados con avidez, e vendidos con usura.
De novo, seica, os negociantes das pedras andan a bulir, a viaxar a Amberes, Nova York e lugares menos coñecidos da India, Rusia ou Brasil.
Os diamantes son riqueza concentrada, doada de gardar e de transportar.
O seu brillo pode virar invisibles inmensas moreas de diñeiro negro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/09/2000]

Persoas (A voapluma, 12/03/2000)

En canto os políticos andaban á greña, a mostraren tamaña falta de imaxinación e tan pouca capacidade de facer idioma, o mundo das verdades maiores non deixou de andar polas súas vereas.
A Mai Natura fixo alarde de primavera, os herbais deron en brillar e as varas das árbores, hai pouco núas, comezaron a cubrirse de follas tenras, cores suaves entre o amarelo e o verdinegro. A calor súpeta desconcertou os homes de negocios e fíxolles sufrir os horrores da gravata e o traxe de “entretempo”.
Non pararon de matinar, sen embargo. Ocultáronse nos escritorios máis secretos ou deixáronse ver polos restaurantes máis indicativos do que se coce. Falaron moito.
As palabras de moda neste momento son “interrede”, “comercio electrónico”, “portal”, “multimedia”, “contidos”, “tecnoloxía”, “alianza estratéxica”, “compra”, “absorción”, “recursos propios”, “externalización”…
O persoal engravatado anda tolo querendo participar nun El Dorado electrónico do que emerxen figuras coma a do Villalonga, con media páxina de foto na revista TIME.
Avanzan as conversas para a organización de compañías capaces de entraren nunha carreira da que non se ve fin; e, curiosamente, logo xorden nelas outras palabras —nun ton baixo inicial, do que soben a ton máis alto có usado para as que maracaran guión.
Fálase de “coñecemento”, “formación”, “salarios”, “fidelización”, “compromiso de permanencia”…
Quizais sexa quimera, mais parece haber unha nova economía baseada nos novos medios de comunicación.
E, por tras dela, como sempre, persoas.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/03/2000]