Do ut des, Brittannia

De Gaulle opúñase a que a Gran Bretaña formase parte do que viría ser a Unión Europea. Non quería os ingleses a mandar no continente. Porén, outros grandes da política europea xulgaron vital que a Gran Bretaña entrase no club, mesmo sen que os xefes de Londres aceptasen de todo o do ut des da antiga lingua franca de Europa, o latín. Britannia entrou, a dama de ferro esixiu o cheque de retorno para as arcas británicas, os continentais consentiron e seguiuse adiante un par de décadas máis, non sen que os euroescépticos británicos usasen o propio Parlamento europeo para minaren a Unión.

Agora o Cameron tenta acalmar esa tropa de desleigados cun referendo tras conseguir novas cesións de Bruxelas. Fálalles de contas, mais non de todas. Sería bo que lles amosase as do Consello Europeo da Investigación. Verían o moito que unha Gran Bretaña secesionista pode perder nese eido: a fins do 2015 a lista dos grandes beneficiarios da política común de subvencións á ciencia estaba encabezada por tres universidades inglesas, as de Cambridge e Oxford e Londres… Sen axudas de Bruxelas, ¿a onde irán os científicos ingleses pedir esmola: a Washington ou a Pequín?

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 10/02/2016.]

O referendo irlandés

Conversa cun irlandés do norte, católico, sobre o mapa dos Estados membros da Unión Europea despois de 2017. Véxase que as Illas Británicas son dúas, a Gran Bretaña e a Irlanda. Na maior delas teñen entidade política Escocia, Gales e Inglaterra (Cornualles é unha anécdota). Na menor están a República Irlandesa e a Irlanda do Norte, apéndice ao que nunca renunciou o país liberado ao sur. Non é preciso lembrar a violencia agochada con que se vive no norte, a fractura insuperable entre irlandeses indíxenas (católicos) e descendentes de colonos gran-británicos (protestantes).

Logo nuns meses habemos saber o que deciden os escoceses, tendo en conta eles que no 2017 os ingleses poden decidir abandonar a Unión Europea, arrastrando nesa hipótese aos galeses… e os propios escoceses se antes non decidiren a secesión.

Sorprende o silencio xeral sobre o referendo en Irlanda do Norte en 2016. Nese ano vai ter lugar a consulta acerca da súa separación do Reino Unido. «O si está garantido», informa o fillo desa terra en loita desde hai un século, «porque somos maioría; e a seguir viría a unión coa República».

Ora, ¿por que tanto sixilo? «Porque a convulsión que se prevé é terrible: os unionistas nunca aceptarán a súa derrota. Londres tenlle a iso un medo moito maior có que lle ten Madrid ao de Cataluña», di este irlandés.

[La Voz de Galicia, 30/06/2014]

De Eric Blair a Tony Blair (Caderno da vida, 03/08/2003)

A Gran Bretaña gabea polos paralelos ata latitudes escandinavas; por iso é illa de fríos. Terra do maior imperio que o mundo coñecera, encheuse de xentes exóticas, a penas unidas pola lingua imperial.
Pero ás veces dáse o fenómeno da calor en verán, das suores que chegan perna abaixo ata o verde impoluto do “lawn”; e fican lugares onde quen serve as cervexas é louro, onde todos os fregueses son paisanos —menos, se cadra, uns visitantes de país que sempre chamou a atención dos británicos, co que quixeron vivir en paz malia a obediencia borbónica a Francia.
Feitas as negociacións no centro de transferencia tecnolóxica, o director ofrece ir coñecer un veciño que estivo na guerra civil española; e presenta un ancián rexo, algo duro de oído “por culpa de tanta explosión”, que conta a súa vida introducindo palabras castelás.
Era un rapaciño cando abandonou a RAF “para ir loitar contra os fascistas de Franco”. Chegou a Barcelona na esperanza de practicar cos avións rusos e meterse de contado a derrubar bombardeiros alemáns e italianos. Pero foille imposible, toleárono entre anarquistas e comunistas; mesmo o meteron na cadea acusado de espía. E volveuse, defraudado, “como o George Orwell, que se chamaba Eric Blair”.
O rapaz que non puido loitar contra os franquistas e os expedicionarios do Führer e o Duce logo tería unha grande ocasión na Batalla de Inglaterra; e en todo o que seguiu. Pero Eric Blair volveu de Cataluña amargamente tocado, “cun tiro na gorxa” e sen forzas para manexar máis armas que a máquina de escribir.
Con ela criticou o comunismo, zorregou duramente o stalinismo e rematou carreira profesional e vida escribindo “Rebelión na granxa” e “1984”. “Orwell foi un tipo politicamente incorrecto, algo que non se admite nin en democracia”, asegura o vello piloto de caza.
Por iso, quizais, ao se cumprir o centenario do nacemento de Eric Blair na India, non se fala moito del no país de Tony Blair. E case nada no do seu acólito Aznar.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 03/08/2003]