A India (A voapluma, Diario de Ferrol, 22/09/2000)

Eran “consultores” na definición dos ianquis: suxeitos aos que se lles pregunta a hora e responden pedindo emprestado o reloxo.
En coche alemán, traxados de uniforme —escuro, con insoportable gravata en verán—, viñan vendendo a súa sapiencia; pero chocaron con que os indíxenas sabían máis ca eles; ou, alomenos, sabían o que preguntar.
Falaban un intento de castelán con tantos termos en inglés que producían hilaridade; e pouco saberían da lingua de Britannia, porque contaron que na India, durante unha presentación, se lles rira o público ao eles falaren de number one e number two (nomes discretos que os nenos “ben” ingleses dan ás necesidades fisiolóxicas).
Eran galegos e traballaban para unha multinacional con fábricas de programación de ordenadores na India…
A India cheira a feces. Habitantes da India beben mexos de boi e outros fan ablucións nas augas purificadoras do Ganxes de bosta e morte.
A India é moitos países, e moitísimas nacións: algo así como unha caricatura do Brasil, sete Brasís, un cancro de poboación, a gloria e a miseria en mestura, a ciencia e a ignorancia man a man.
Hai pouco, Bill Clinton, o da rósea pel, atendía un brown fellow deses que se expresan fluently nun inglés de espanto. Era o presidente da India.
Bill desfacíase en eloxios e comparanzas entre os dous superestados titánicos:
Os ianquis ollan á India para administraren o mundo, porque un cerebro indio pesa coma un cerebro ianqui —pero apóiase sobre un corpo livián.
Un indio sabe facer software en inglés. E come pouco.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 22/09/2000]

Portas ao campo (A voapluma, 17/10/1999)

Estes días tivo lugar en Xenebra o Telecom, feira mundial de obrigada visita: nela tracéxanse os futuros imediatos, e no visitante fica unha percepción do que é seguro e do que é incerto. Por exemplo, no seu día —hai lustros—, logo de visitala advertimos que a televisión de alta definición non era viable. E, velaí, chegándonos xa, unha televisión dixital “modesta” pero máis que dabondo para o que os nosos sentidos poden percibir.
Telecom marca este ano a imposición da telemática en todos os campos da actividade humana. Desde a Suíza olláse o mundo como o que é: Boliña Azul sobre a que pululamos seis mil millóns de criaturas necesitadas de nos comunicar.
Se algo resulta tópico da feira, iso é a interrede que todas as redes telemáticas pode conectar. A Internet é un todo, globalizador.
Por tanto, chama a atención un comunicado da revista da Internet Society: o fornecedor de servicios de rede do goberno indio bloqueou o acceso ao servidor de páxinas do diario paquistaní Down, publicado en inglés, lingua franca dun inmenso subcontinente fraccionado en tres estados inimigos.
Hoxe non se concibe que ningún goberno tente “cortar” a rede que non ten dono, pórlle portas a un campo aberto. Este comentario corría por Xenebra; xunto coa maneira de acceder á información prohibida polo goberno dos nacionalistas indús, os da bandeira cor de azafrán: sinxelamente dirixíndose a “sitio” tan suxestivo coma Anonimyzer.com.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/10/1999]

O Brasil versus a India (A voo de tecla, 02/11/2006)

O Brasil é a India das Américas: un subcontinente inmenso, cheo de variedades xeográficas e humanas e unido por unha superestrutura lingüística, a do portugués, como a India se une polo inglés. A India foi só colonia, co rango de “xoia do Imperio”, mais o Brasil chegou a ser imperio, con rei portugués á cabeza.
Nas dúas enormes democracias as diferenzas sociais son tan desmesuradas coma os tamaños de país e poboación. En ambas, tales diferenzas mostran xentes formadas nun alto nivel e exemplos de sectores produtivos moi avanzados. Ese mundo de primeira, alleo ao dos parias, é proporcionalmente maior no Brasil que na India.
Agora o Brasil decidiu competir coa India na exportación de programas de ordenadores, xogando coa desvantaxe da formación herdada polos indios: británica, moi próxima á americana que manda no eido do “software”. Idioma e mentalidade dos colonizadores axudaron a que masas de cidadáns da India se formasen nos EE.UU. en tecnoloxías da información e a comunicación.
Mais nada detén os impulsores do “Progresso” que figura no lema patrio dos brasileiros. Seica van formar 100.000 técnicos e científicos para multiplicaren por 10 as súas exportacións de produtos informáticos en catro anos.
Son capaces, e o mundo tenos en conta: por importancia, Brasil é o primeiro país na lista da Comisión Europea para a cooperación en I+D coa Iberoamérica (curiosamente, en Bruxelas considéranse a Portugal e España “canles naturais” para tal cooperación; e Galicia está no medio).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 02/11/2006]

Cifras do coñecemento (Caderno da vida, 01/02/2004)

Santiago de Chile ruxe na súa enormidade de vehículos enerxizados por combustible barato. Calorosa, contaminada pero aseada, vive indiferente ao que acontece nunha casona do barrio de Providencia, sede do Instituto de Estudios Avanzados da universidade con nome da metrópole. Alí saltan os datos: dentro de 40 anos, as principais economías do mundo, por esta orde, han ser as da China, os EE.UU., a India e o Brasil.
Asistentes europeos ao seminario en que tal se fala preguntan pola da UE e reciben resposta dura: segundo o acordo de Lisboa, no 2010 a Unión tería que ser a maior economía mundial baseada no coñecemento; pero non o será porque a vaga migratoria que a invade carece dese elemento fundamental para a economía. Aínda mais, do 2010 ao 2040 o coñecemento per cápita da UE continuará a baixar non só porque os seus inmigrantes non llo aporten senón porque vai seguir a drenaxe de cerebros cara a Norteamérica, Canadá incluída.
As cifras dan frío na calor santiagueña. Estados Unidos acolle hoxe máis de 400.000 doutores europeos, en centros de investigación e desenvolvemento de universidades e empresas. Na América que goberna o mundo pola tecnoloxía, a investigación científico-técnica non é deber patriótico ou brinde ao futuro senón negocio actual, e polo tanto os europeos con formación superior seguirán a cruzar o Atlántico –a maioría deles sen retorno…
Pero, ¿a China, a India, o Brasil? Representan grandes masas humanas nas que as diferencias sociais non escandalizan, e a pobreza de moitos non detén o investimento en ciencia para as elites. Nas tres sábese que “coñecemento é poder”; nas tres apóstase pola planificación da sabedoría e a producción a baixos prezos. As tres progresan cara aos seus fins, masivamente.
No entanto Europa, entre as ofertas americanas aos seus científicos —diñeiro e sona— e a falta de escrúpulos desas sociedades emerxentes, envellece e languidece, orgullosa do seu xa inútil benestar social.

[La Voz de Galicia, Caderno da vida, 01/02/2004]