Listas de voda (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/09/2000)

Logo dunha recente etapa de casamentos, teño fresco o costume de facer agasallos aos que contraen matrimonio.
Seica hai varias versións, pero imponse a “lista de voda”, algo a xeito de percorrido polas necesidades dos cónxuxes convertibles en regalos de distintos prezos, acomodables a cariños e compromisos dos convidados á celebración.
A verdade é que a tal lista de voda ten o seu de sinérxico e, se a elegancia se impón, mesmo fica a cousa para repetir o intento…
Vén isto a conto dunha das intervencións máis brillantes que vin facer a un técnico durante unha xornada de discusións a cerca do uso das novas tecnoloxías; e, aínda máis, está recente o inquérito que vén sinalar como no Impaís dos nosos amores o acceso á interrede global é cousa só da xente nova.
O caso a contar é que estabamos uns cantos compañeiros, enxeñeiros de telecomunicación, a falar para o público na Expoenter (feira ourensá das tecnoloxías da información e a comunicación) e xurdiu a verdade: as familias españolas aínda non se decataron de que o ordenador é a penas un electrodoméstico, hoxe imprescindible, se non queren ter fillos “analfabetos en Internet”.
E nestes falares foi cando interveu Xavier Calvo, mozo que non haberá moito que casou, pai dunha pequena de meses. O Calvo concluíu, rotundo:
-Este atraso telemático que temos non se ha de superar mentres nas listas de voda non apareza incluído o ordenador.
Tivemos que aplaudilo; e ficamos coa preocupación de cómo se ha resolver esa necesidade telemática nas “parellas de feito”.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/09/2000]

Intercom 2000 (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/09/2000)

O goberno federal do Brasil está a promover a troca electrónica de documentos, como xa fixo coas votacións nos comicios. E será drástico: negocios con el, só por medio telemático…
As comunicacións do congreso de Manaus, Intercom 2000, mostran sintonía de pensamento entre europeos e iberoamericanos. Todos vivimos en rede, conectados á rede global. Se cadra –iso si– os europeos estamos máis preto da realización das ideas, porque a realidade tecnolóxica destas repúblicas fillas das monarquías coloniais anda próxima ao máxico.
Discutimos. Os brasileiros non deixan de lembrar a portugueses e españois os poucos anos que levamos de condición europea de veras, primeiromundista. Nós retrucamos que coñecemento e riqueza están decentemente repartidos na Península Ibérica, que a Internet chega a case todos os seus habitantes. Dos cento sesenta millóns de brasileiros só unha cuarta parte tería acceso a ela…
Son discusións cordiais, en lingua común. Nas mesas do xantar soan pronuncias e xiros de Galicia, Portugal e Brasil con vontade de aperta. Cordialísimo é César Bolaño, profesor da universidade de Sergipe, fillo de galegos, con familia na Coruña, cidade onde viviu de cativo, e que el “adora”.
Pola noite imos ao Teatro Amazonas, símbolo do esplendor nos tempos da seringa, do látex destas selvas infinitas.
O espectáculo musical é local, lindo, harmonioso. Fai loanza da Amazonia. Actores e figurantes demostran nas súas faces a multimestizaxe que fai de Brasil a casa de todos os humanos que queiran falar portugués.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/09/2000]

Videoconferencia (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/08/2000)

Escribo en horas cansadas, na fin do día, pero satisfeito, coa sensación de que a xornada pagou a pena.
Longo día de traballo. En canto os medios de comunicación bombardeaban coa baixa do euro e a suba do barril de petróleo, unha vez máis usei as telecomunicacións para me sentir por cima dos transportes materiais.
Esta data ficará marcada pola utilidade da videoconferencia. O CESGA, Centro de Supercomputación de Galicia, e o CIS, Centro de Innovación e Servicios de Galicia, usaron da Autoestrada (nome goreiano que non me gusta) Galega da Información para evitar viaxes.
No campus de Compostela, onde está o CESGA, tres persoas ollaban para un monitor e unha camariña de vídeo; na península ferrolá da Cabana, lugar do CIS, outras seis facían o mesmo. E, polo medio, voz e son, dixitalizados, convertidos en “datagramas”, pasaban dun lado para outro e permitían a sensación de ubicuidade desa técnica de comunicación.
Videoconferencia: hai uns dez anos soaba a invención, e custaba unha fortuna. Pero hoxe as telecomunicacións están democratizadas, e liberalizadas.
Nada impide que o método de telexuntanza se impoña no ámbito empresarial. Viaxar é perigoso (véxase a lista de mortos cotiáns das estradas) e caro (non atopamos substitutos dos combustibles fósiles). Daquela, cómpre a disciplina de non se desprazar.
¿Que a xente quere verse, porque a conversa face a face enriquece con matices a relación?
Creamos na videoconferencia. E deixemos o desprazamento para respirarmos o aire de cada lugar visitable.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/08/2000]

Telehipotecas (A voapluma, Diario de Ferrol, 26/08/2000)

Henrique Sáez ten un escritorio desde o que domina a circulación urbana da Coruña –fisicamente, polas fiestras amplas do edificio Pastor; porque vía telemática domina canto mundo lle cómpre observar.
Home das economías, é usuario convencido das tecnoloxías, cunha certa displicencia: para el as ferramentas son só algo que usa, non algo polo que traballa.
Caso diferente é o dun interlocutor co que fai repaso de asuntos diversos, e que a el se dirixe pedindo axuda, visión de usuario, para non se trabucar nunha decisión técnica. Henrique mira de lonxe o que se transmite pola Internet e aconsella: non se quentar demasiado co que, se cadra, ten máis fume ca leña.
Gracias…
E despois vén a demostración do instrumento. Sáez “navega” pola interrede e mostra na pantalla do ordenador o que a clientela anda a procurar: diñeiro barato para hipotecas.
O banco véndeo. E, cando tanto se fala e tan pouco se realiza en termos de “comercio electrónico”, velaí que si hai xente a tomar a decisión máis importante da vida pequenoburguesa sobre unha páxina web, sen cara de vendedor que ofreza.
Xorde o formulario, coas preguntas que han servir ao banco para cualificar o cliente; o cliente teclea, enche os espacios da páxina, preme o botón do rato e manda o que vai ser tratado confidencialmente.
Despois virán os papeis. Pero xa falta menos para que non haxa “soporte evidencial” ao vello estilo. Os notarios van entrando na xogada. Seguiranos os rexistradores.
¿Por que transportar e gardar átomos –que pesan– cando abonda cos bits?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/08/2000]

Teléfono personalizado (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/08/2000)

Os avances tecnolóxicos van conformando os xeitos de actuar das persoas, modifican a sociedade. Valla un exemplo sinxelo: o da telefonía móbil, dixital e fiable.
A tal chegou o do “teléfono personalizado” que raramente se preocupan os inquilinos das casas de alugueiro por contrataren liñas de acceso fixo. E menos se van preocupar segundo aumentan as capacidades da comunicación sen fíos (como segundo exemplo: este artigo vai ser transmitido desde un ordenador portátil conectado a un teléfono móbil).
O fenómeno da telefonía de cadaquén no seu peto chega ao limiar dun novo paso evolutivo: estamos a punto de que os terminais telefónicos se convertan en moito máis do que se soñaba cando se concibiron.
Van ser un medio de pagamento seguro, que fai innecesarios os cartóns de crédito; tamén van permitir (de feito, xa o fan algúns) a conexión coa interrede para usos de correo electrónico e consulta de páxinas web.
Acabarán sendo o instrumento de quen teletraballa mentres viaxa.
Pero a cousa non remata aí, en espacios ocupados por xente con siso. Mesmo como o móbil se fixo adminículo de cativos e rapaciños só para falar, agora (xa o anuncian varias das grandes en medios non especializados) se vai tornar un todo para a xentiña nova enganchada no ritmo musical:
En breve veremos polas rúas adolescentes cun aparello de dous auriculares a escoitaren música descargada desde servidores de Internet, ou recibida das emisoras de FM… cando non sexan interrompidos por algunha -inoportuna- chamada telefónica.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/08/2000]

Azafatas (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/07/2000)

As azafatas de voo reciben formación en diversos campos, pero no seu currículo non debe entrar o electromagnetismo, nin, concretamente, o espectro de frecuencias utilizado na radiocomunicación móbil.
Resulta loable o comportamento das aeromozas cando andan no seu mester en voos de moitas horas con centos de almas na pasaxe.
Pero ás veces levan mal voos menores:
Recentemente, nun “doméstico” que atrasaba a saída, un pasaxeiro tivo que usar o teléfono móbil para advertir do atraso a quen o esperaba en destino. A azafata botouse a el coma unha loba, con tales modos que o pasaxeiro a tivo que advertir do absurdo: “É mentira -díxolle- que o teléfono móbil afecte as comunicacións entre avión e aeroporto. É fisicamente imposible”.
Despois dela veu a xefa (sobrecargo, seica) e, alén de ameazar o pasaxeiro -de parte do piloto- coa garda civil, deu espléndida lección de telemática: “Os móbiles borran os datos dos ordenadores”.
O pasaxeiro (que levaba na carteira un portátil co que se conecta á Internet a través dun móbil) respondeu en voz alta que iso era unha mentira absoluta…
A cousa ficou en arranxo e o voo tivo lugar con pasaxeiro protestón a bordo.
Ao chegar a destino, este pediu “desculpas persoais” polo incidente á señora sobrecargo; e, polo baixiño, recomendoulle que se informase para non ter que facer o ridículo en público.
O curioso foi a resposta da ignorante, tan cargada de soberbia que ao pasaxeiro só lle ficou o recurso de virarlle as costas: como se fai para evitar mandar á m… a unha dama.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/07/2000]

Fala de mai (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/07/2000)

Continúa o encerro. Os profesores do Massachusetts Institute of Technology recomendan abandonar o concepto da web (tea de araña) polo da grid (malla). Do oído en inglés, os asistentes cataláns toman notas na súa lingua.
De volta no hotel, ordenador portátil, teléfono móbil e conexión. O primeiro, noticias de Galicia, nas páxinas web de El Ideal Gallego.
Nelas, a dimisión de Manuel Regueiro Tenreiro e o ronsel de intervencións que seguen durante días.
Teño que opinar e opino:
Todos os críticos están errados. Durante dez anos de “bilingüismo harmónico” só se conseguiu instaurar o “bilingüismo agónico”.
Con todo, a culpa non é nin do director xeral de Política Lingüística, nin do actual conselleiro de Educación nin do consello da Xunta.
A cousa vén de lonxe, de cando unha muller valente botou a andar unha campaña que causou escándalo: “Fálalle galego” dicía o cartel, que representaba unha mai erguendo un meniño.
Pero ningunha mai galega lle vai transmitir a un fillo a fala da derrota; e non hai política que venza tal desexo de suicidio colectivo.
“Fálalle galego”, ¡que tolería! Daquela mandaba un conselleiro casado cunha dama moi lida, capaz de defender Seijas, grafía gratuitamente castelanizada do seu apelido, fronte á forma orixinal: Seixas…
Hoxe, á hora do buffet, un colega do Institut Català de Tecnologia díxome que vai corrixir o apelido, Mañà, “catalán puro”, para convertelo en Manyà, porque a muller non para de lle dar a malleira.
En fin: vista desde Cataluña, Galicia non ten salvación.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/07/2000]