Plan Andinia (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/06/2000)

Son compañeiros de voo: un cincuentón atlético de cabelo louro e rapado, ollos claros, fronte botada para atrás e nariz saliente; e un mozo delgadiño, de ollos riscados e cabelo liso, acibechado, amerindio.
Falan axiña. O xove pregunta polo destino do maior, que vén sendo Tel Aviv. Os dous falan castelán –crioulo arxentino o un, normativo o outro, con leve ton mexicano.
O home maduro di que viviu anos na Centroamérica, “onde os pobres sempre serán pobres”, e que admira a Arxentina, “país único, que ten algo tan engaiolante coma a Patagonia”.
O rapaz non coñece as paisaxes do Sur que describe o estranxeiro. Para retruque, monta no cabalo do folclore e fai un canto ás pampas da riqueza, do cereal e da carne, do mate e o gaucherío. Logo aparecen o Martín Fierro e Don Segundo Sombra. Pouco falta para que xurdan as boleadoras e o zapateado…
O seu interlocutor escoita; e, cando lle chega a vez, insiste: nada hai no mundo coma a terra mítica dos patagóns.
O mozo móstrase incómodo: a terra do vento, o petróleo, os glaciares e as baleas é “invivible”, motivo de conflicto histórico con Chile. Razón dun exército innecesario.
O pelado ao cero olla con enfado. Os países fanse con exércitos, asegura. El, aos seus cincuenta anos, aínda pasa revista. A filla estivo dous anos servindo. O fillo, tres.
A Patagonia debe ser defendida, mantén –con tal vehemencia que fai lembrar fábulas alá escoitadas: referentes ao Plan Andinia, no que Israel atoparía a verdadeira Solución Final, un Novo Estado Xudeu sen perigos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/06/2000]

De Israel á Patagonia (A voo de tecla, 23/07/2014)

De novo estourou a bomba de Gaza (toda a faixa de Gaza é unha bomba humana); o mundo viu como se matan dous grupos de persoas, que a si se chaman palestinos e israelís, e unha vella cavilación volveu á mente: con tanto sangue no ollo, se cadra, nunca vai ser posible a paz.
Outra cavilación é a demográfica: os israelís tentan someter un pobo que non deixa de crecer malia o castigo constante; e eles viven rodeados por nacións que non dan parado de medrar, en poboación e xenreira. Co tempo –cen anos máis ou menos– Israel, estado feble, metaestático, pode acabar engulido.
Se iso se pensa fóra de Israel, tamén se ha de pensar dentro. Os israelís, que fan nación coa Diáspora, logo han ter esquemas de perpetuación. Un deles forma parte dos mitos. Trátase do Plan Andinia: a creación dun espazo vital nas vastísimas terras baleiras da Patagonia, as mesmas que desde fins do século XIX soñaron colonizar moitos alemáns, e que acabaron sendo refuxio de xenocidas antisemitas despois de 1945 (no pináculo do mito, Hitler en Santa Cruz).
Mito ou non, xente viaxeira polos Andes do Sur testemuña a presenza de turistas cunha fala rara, bíblica. Abraiados, contemplan a inmensidade fértil –neve, auga, herbais– seica a lembraren o ermo mínimo polo que matan e se deixan matar, entre o Golán e o Mar Morto.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 23/07/2014]