Denuncia (A voapluma, Diario de Ferrol, 04/07/2000)

O tipo máis xenial do século XX non foi Albert Einstein senón que o é Tim Barners-Lee. Ambos comparten profesión, relacionada coa enerxía atómica. Do primeiro nada cómpre explicar. Do segundo, que, traballando no Laboratorio Europeo de Física das Partículas, concibiu a idea capaz de facer da Internet un instrumento de comunicación popular. Einstein deu grandes teorías; Barners-Lee, necesitado de se comunicar doadamente con outros científicos, inventou as bases da world wide web.
Gracias a ese invento do Tim (diminutivo de Timothy), aconteceu o seguinte:
Semanas atrás, Manuel Antonio (Cholo) Rey Flórez, tras conversa con quen isto subscribe nas rúas invernais da Bahía Blanca arxentina, decidiu seleccionar a presentación web de El Ideal Gallego entre os seus “favoritos” na interrede.
O Cholo, natural da rúa de San Pedro coruñesa, hai demasiados anos que vive a once mil quilómetros de distancia da súa cidade, en Comodoro Rivadavia, capital do petróleo na Patagonia. Pero está en rede, e segue ao día canto acontece aquí.
De feito, hai pouco leu unha destas columnas, na que se contaba o roubo dunha boa bicicleta, e apenouse do autor do escrito.
De novo usando as capacidades da Internet, enviou mensaxe telemática: para saber da ilusión roubada, convenme falar cun curmán seu, policía de profesión, con veteranía dabondo como para deducir polo delicto a personalidade do caco.
Gracias, Cholo amigo. Pola recomendación, e porque coa túa carta me recordas algo que debo facer para que os funcionarios actúen: a denuncia.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/07/2000]

Irse (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/06/2000)

Voume dunha terra amada, deixo o mellor dela: xente xenerosa que convive cos que dan mala sona a todos.
É media vida de vir á Arxentina e sufrir a humana limitación de só ter unha existencia persoal: deberiamos poder vivir dúas vidas ao tempo, en puntos diferentes desa Boliña Azul perdida polo Universo que demos en chamar O Globo, A Terra, O Mundo…
Esta Arxentina deume muller e historias de familia que, nas mans dun bo novelista a escribir en lingua universal (enténdase inglés), terían dado grandes obras da Literatura (que está por cima dos idiomas).
A Arxentina acolleume, pagoume con amizade, e coa aventura infinita dos galegos que viñeron facer patria nova e foron deixando os seus nomes en puntos de mapa que causan abraio…
De despedida, viño branco de Mendoza, dunha “finca” de Agrelo (¿hai algo máis galego?), que me regalou un home de Ribadeo. E no recordo a historia de Rafael Beleiro, repetida polo Cholo Rei en Bahía Blanca: o porqué de Aldea Beleiro, nun paso dos Andes.
Case subindo ao avión, unha ollada ao Río da Prata en día de sol rexelado: todo castaño, cheo de velas, e o relato dun sobrevivente ao ataque dun submarino alemán, que esperaba o barco inglés cargado de carne e voluntarios para aquela guerra atroz –que non se esquece malia a Unión Europea.
Saíndo, unha conversa telefónica con Xosé Manuel Castelao: resumo do que moitos –pero non suficientes— coidamos. Di que só Galicia pensa na emigración. O resto de España, na inmigración.
A España dos “modernos” non aprendeu Historia no bacharelato.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/06/2000]

Epopea (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/06/2000)

O hálito da xente polas rúas de Bahía Blanca é bafo mesto. Os xornais din que os pasos da cordilleira están pechados.
De alá viñan os indios serráns, atravesando pampas, arrastrando con eles tribos que non admitían a presencia dos cristiáns nos seus cazadoiros. Os cristiáns eran “milicos”, cregos e xente con malos costumes: criar gando e cultivar campos. Eran os inimigos da “xente da terra”, nómades feitos exército cando o “cauhallo” –o cabalo— apareceu nas súas vidas.
Bahía Blanca sufriu os ataques dos infieis, pero seguiu adiante, con colonias agrícolas e militares, ata se converter en estación ferroviaria, porto graneiro e base da Mariña.
Hai unha espléndida epopea na construcción da última cidade antes da fronteira do Río Negro que navegou contra indios e corrente “el piloto Villarino”, Basilio Antonio Vilariño.
Nesa epopea hai españois, que armaban “romerías”; e, dentro deles, galegos.
Hoxe algún descendente de galegos é home da nova patria, quizais militar, como o que nos mostra unha base que non esquece unha guerra perdida: a das Malvinas. A base é enorme, como todo o arxentino, e ten unha cidadiña satélite que ve mal as cousas por culpa da rebaixa de soldos aos funcionarios.
Hai lamentacións. O país tan rico, desperdicia. Un bo compañeiro de viaxe, Cholo Rei Flórez, coruñés, conta como se “ventea” o gas dos pozos de petróleo.
A falarmos cos galegos do Centro, alguén tenta botar contas de todo o gas natural que levan arrastrado os ventos feroces do Sur: unha absurda inmensidade.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/06/2000]

O coruñés polaco

Se cadra a razón de ser de Galicia é a emigración. Xosé María Monterroso, experto en apelidos galegos, demostrou que as Américas están inzadas deles (e ollando censos de Madrid ou Barcelona logo se ve canto galego emigrou España adiante). Ora, semella raro un galego a xurdir nas listas de honra da República de Polonia como cidadán honorífico dela. Aínda máis se nunca en Polonia viviu, pois dividiu a vida entre a Coruña da súa orixe e o Chubut arxentino. A epopea xeral dos galegos daría para infinitas novelas e filmes de aventuras, como se veu saber pola conferencia Ribeirenses na Patagonia que hai pouco daba en Aguiño Manuel Antonio Rei Flórez. E este cidadán español é o famoso polaco de honra: as súas investigacións xornalísticas non ficaron no referente aos galegos de profesión honrosa; entraron mesmo nas escuridades do tráfico de mulleres enganadas, levadas da Europa á América. Nos campamentos petroleiros da Patagonia sempre se falou das «polacas dos lenocinios», para vergoña da católica Polonia; ata que Rei Flórez desvelou que aquelas mozas eran xudías centroeuropeas alá arrastradas pola mafia Zwi Migdal, tamén xudía. Na embaixada polaca de Buenos Aires fixeron festa para entregar ao coruñés medalla e pasaporte dunha patria a onde os galegos -polo momento- nunca emigraron.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 14/08/2016.]

Vento patagónico

Os enxeñeiros aeronáuticos din: «Dáme motores e fago voar unha catedral». O Boeing 737 ten unha potencia que marabillaría a Saint Exupéry cando voaba levando correo entre Buenos Aires e Comodoro Rivadavia. Con todo, treme: o vento patagónico é épico. Alá embaixo, o ermo pardo aparece marcado por cadriños máis claros con cadanseu punto negro no medio: pozos de petróleo e cegoñas mecánicas a picaren na bomba. Na capital do ouro negro o galego Cholo Rey indica o lugar do café onde se comezou a escribir Le petit prince. Pola rúa camiña unha muller cun cativo ao colo. Polo nariz e a boca entra unha poeira fina, renxen os dentes. Case 2.000 quilómetros ao sur do París de Sudamérica, nesta nada ergueuse o Teatro Español ao xeito dunha ópera de Manaus. E aínda funciona La Española, co seu hospital, gobernada por galegos. Un de Ferrol, Ramón Franco, dedicoulles retrato: sabía da heroicidade e ir buscar o pan á «Acabación da Terra».

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 01/05/2016.]

“Cholo, Xerminal e Antón” (A voo de tecla, 20/08/2013)

Non hai moito Víctor Freixanes escribía en La Voz unha crónica de viaxe á Arxentina. Nela contaba a anécdota de cando Manuel Antonio (Cholo) Rei Flórez creu estar no extramundo por culpa da radio: no medio do deserto patagónico escoitou falar galego… e a seguir mapuche. Quen falaba era Xerminal Filgueiras, anarquista ferrolán convertido en protector de indíxenas nunha reserva do Chubut.
Pedía Víctor continuidade á anécdota, ou polo menos unha explicación. Naquela travesía polo deserto entre o Mar Austral e a cordilleira dos Andes, o Cholo levaba como obxectivo recoller no Neuquén un amigo, quen isto escribe e algo máis sabe: que nestes días de amable sol en Galicia e “nevazón” na Patagonia, están na Coruña o Cholo, coruñés de nación, e Antón Santamarina, que o é de crianza.
A ambos úneos a vivencia arxentina e o coñecemento de Xerminal Filgueiras, a quen trataron en etapas moi diferentes da súa vida de activista político-cultural. Antón é fundador das Mocidades Galeguistas, ás que viñeron pertencer tanto Xerminal como Xosé Neira Vilas. Cholo é o embaixador de Galicia na Patagonia, onde foi descubrir o Xerminal en funcións filantrópicas a favor dos indios.
Quizais sorprenda que un ferrolán se poida converter en cacique mapuche con emisora de radio, pero os galegos son así (Pepe Castedo, tamén de Ferrol, escribíalle discursos a Mao Zedong). Os irlandeses alardean da súa influencia no mundo, mais é por ignorancia filolóxica: coidan que os apelidos galegos son portugueses.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 20/8/2013]