No solpor (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/10/2000)

Os bos libros teñen algo en común co amor carnal: ao lelos, o lector, que é actor, ten a ansia de consumar o acto mentres teme que se lle acabe o pracer.
Tal acontece con Unha viaxe á procura do solpor: Do Tambre á fin da terra, número 2 da colección As Viaxes da editorial A Nosa Terra: tomo de capa dura e papel acartolinado, mostra a orixinalidade dunha infografía consistente en partir de boas fotos e, vía electrónica, retocalas ata facer das ilustracións acuarelas arremedadas.
As fotografías son un acerto de Maribel Longueira, muller do autor do texto, Francisco (Chisco) Fernández Naval. Do captado, un pé fai síntese perfecta: “A paisaxe é fermosa coma un engano”…
O Chisco, compañeiro de teima galeguista, de aventura literaria e de guía provincial, unha vez máis vén demostrar a importancia do xénero de viaxes e a calidade da súa prosa, adaptada a ese xénero.
Nas súas xornadas cara ao solpor, Fernández Naval enche o lector de referencias nas que domina a beleza, unha estética do que non se dá enlatado, ou copiado.
Da Prehistoria chea de sospeitas á actualidade cargada de poesía, con dereito a batallón fisterrán, camiñamos canda o escritor desde o Tambre ao promontorio que asustara os romanos, onde remata a Europa continental.
Alí, outra volta, ponse o sol tras da aceirada cortina curva do horizonte mariño.
Pero o lector sabe que non vai demorar o abrente dun novo libro de andanzas e visións: se cadra, o próximo do Chisco virá con paisaxes do Oriente europeo, con cheiros e sabores da Turquía.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/10/2000]