O cacique (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/09/2000)

A preparación dunha conferencia sobre a Patagonia para a Cátedra Jorge Juan faime remexer en memorias vivas, e véxome nunha mañá de frío cruel a facer quilómetros cara á cordilleira andina.
Iamos a unha reserva india, onde un grupo de xente de pel cobriza e ollos riscados se foi recoller despois de séculos de pelexa cos estranxeiros colonizadores da terra das avestruces e os guanacos.
Baixar o vidro do coche para ventilar (o conductor prendía un cigarro coa cabicha do anterior) supuña chorar, e ficar aterecido.
Nun boliche deron indicación dos Pastos Blancos –que así se chama o lugar– uns gauchos de cara queimada. No seu falar “castilla” explicaron que o rancho do cacique non tiña perda: un xerador eólico marcaba o punto exacto na inmensidade parda.
Atopámolo: o muíño aerodinámico armaba un barullo espantador. Baixamos do coche e, contra o vento –oeste continuo– do Pacífico, escoado entre os vales, rexeado por neves, avanzamos ata a construcción de barro.
Ladraron os cans e abriu a porta un ancián pequeniño: un mapuche, palabra araucana que indica “xente da terra”.
Fíxonos pasar e logo falaba abertamente, mentres ofrecía infusión de yerba mate.
Mateando deu razón da fin: os “paisanos” íanse todos para os pueblos dos huincas, as mozas servían nas casas e volvían falando coma as amas brancas. Os nenos non escoitaban máis a fala india…
Nunha parede había un calendario cunha estampa da Virxe de Luján.
Con todo, o cacique insistiu: “moriré sin ser cristiano”.
Sería o derradeiro sinal de resistencia ao invasor.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/09/2000]

O coruñés polaco

Se cadra a razón de ser de Galicia é a emigración. Xosé María Monterroso, experto en apelidos galegos, demostrou que as Américas están inzadas deles (e ollando censos de Madrid ou Barcelona logo se ve canto galego emigrou España adiante). Ora, semella raro un galego a xurdir nas listas de honra da República de Polonia como cidadán honorífico dela. Aínda máis se nunca en Polonia viviu, pois dividiu a vida entre a Coruña da súa orixe e o Chubut arxentino. A epopea xeral dos galegos daría para infinitas novelas e filmes de aventuras, como se veu saber pola conferencia Ribeirenses na Patagonia que hai pouco daba en Aguiño Manuel Antonio Rei Flórez. E este cidadán español é o famoso polaco de honra: as súas investigacións xornalísticas non ficaron no referente aos galegos de profesión honrosa; entraron mesmo nas escuridades do tráfico de mulleres enganadas, levadas da Europa á América. Nos campamentos petroleiros da Patagonia sempre se falou das «polacas dos lenocinios», para vergoña da católica Polonia; ata que Rei Flórez desvelou que aquelas mozas eran xudías centroeuropeas alá arrastradas pola mafia Zwi Migdal, tamén xudía. Na embaixada polaca de Buenos Aires fixeron festa para entregar ao coruñés medalla e pasaporte dunha patria a onde os galegos -polo momento- nunca emigraron.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 14/08/2016.]