Ao director (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/09/2000)

Unha das características propias do impaís hoxe chamado Galicia (antes “provincias del Noroeste”) é a situación colonial dos medios de comunicación.
Madrid e o nacionalismo españoleiro, estepario, chosco, mandan no audiovisual e gañan peso no escrito. Con todo é nos medios de letra e foto onde aínda colle o punto de vista galego, mesmo expresado -¿gratuitamente?- en castelán colonizador.
Por veces preguntámonos que acontecería se todos os xornais galegos escribisen todo en galego: ¿compraría a xente só os xornais made in Madrid?
Probablemente non, porque lle falarían do seu. Funcionarían como factor de narrowcast fronte ao broadcast. A intensidade informativa vencería…
O fenómeno de maior transcendencia a suceder entre nós é o da integración co norte portugués, asunto que afecta a toda Galicia, ata o último recuncho Cantábrico. E pouco espacio é o que os xornais galegos lle dedican, cando non o fan con visións tópicas, por veces demostrativas de que os redactores de novas galaico-miñoto-trasmontanas saben ben pouco de alá.
Por exemplo: iso de mostrar as mudanzas de ministros no goberno de Guterres como un desastre para o Eixo Atlántico indica que aos que escriben lles falta coñecemento de canto se coce por tras, de quen ficou no consello en Lisboa e de quen entrou de novo nas secretarías de Estado.
En fin: a metade da poboación e do PIB de Portugal están no “Norte”. Porto fica a 350 quilómetros de Ferrol. Madrid sempre estará a 610, cun deserto socio-tecnolóxico polo medio.
Por favor, abramos os ollos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/09/2000]

O desatino (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/09/2000)

De novo no Impaís, sorpréndenme cartas de lectores; e tento responder algunhas por orde de recepción.
A primeira, de Domingo Costalago, en relación a Bergidum, artiguiño sobre o Bierzo e a necesidade dos concellos bercianos de se achegaren máis a Compostela que a Pucela.
Nun ton de chanza que desexo non ofendese, pintei os habitantes da Galicia Irredenta a renderen honras ao señor político de Santiago, e aconsellaba aos galegos pediren pola boa protección do mandamáis do Porto, capital da Galiza Unificada, antes de que llelo impoña a forza da socio-economía.
Seica Domingo -quen cordialmente comercia con Portugal- non se vai sentir nunca portugués, como os portugueses tampouco queren ser galegos -asegura el- “e incluso chegan a desprezar a nosa lingua”.
Ben. Quen isto escribe confésase algo portugués, por boa acollida, por amizade cos do “Norte” que chaman “mouros” aos de Coimbra para baixo. E ten belas experiencias lingüísticas, como a de dar en galego discurso tecnolóxico a pedido expreso dos organizadores de calquera congreso universitario no Porto.
En galego correcto, claro, porque portugueses e brasileiros cultos distinguen entre a fala con morfoloxía propia de aquén-Miño e o castrapo que nace da colonización.
¡Ai se os galegos amasen e cultivasen o seu idioma! ¡Cantas portas se lles abrirían no mundo!
En fin, Domingo: discrepo de que a eurorrexión poida chegar a ser “outro desatino como o castelán-leonés”. Sinxelamente porque Fraga e Braga da Cruz saben máis Historia que Martín Villa e Suárez.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/09/2000]

Desde Rusia polo Imperio

O próximo 12 de outubro poderase conmemorar o LXXV aniversario da entrada en combate da División Azul co Exército Vermello. Curiosamente, o ataque ruso comezou no «Día de la Raza», ou do Pilar, cando esa advocación mariana xa tiña rango de Capitá Xeneral e soldo correspondente.

Aquela aventura tivo moitas explicacións, contou con moito entusiasmo. Por primeira vez desde a Guerra da Independencia un corpo do Exército español ía enfrontar un exército regular estranxeiro. Mais alén dos oficiais da División, que foran facer carreira, había moitos fascistas entre os alistados. Proba diso son as letras das cancións coas que ían á morte (e ao campo de concentración en Siberia). Unha, titulada Desde Rusia, chama a atención, e debeu causar alarma en Lisboa pois di: «Solo esperamos la orden / que nos dé nuestro General, / para borrar la frontera / de España con Portugal. Y cuando eso consigamos, / alegres podremos estar, / porque habremos logrado / hacer una España imperial».

Non é para estrañarse logo que, mentres os divisionarios azuis berraban esas intencións franquistas, o embaixador de Portugal en Berlín tratase con Von Ribbentrop do «desmembramento» (sic) de España. No plan luso-xermano, Cataluña e o País Vasco serían repúblicas independentes. Galicia pasaría a completar o mapa portugués.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 14/09/2016.]

Boullosa (A voapluma, Diario de Ferrol, 15/04/2000)

Nos pasados días correron obituarios de don Manuel Cordo Boullosa, coñecido polo último apelido, ao xeito portugués —que portugués era e, di a Historia, só pensaría en ser español “quando a Galiza for um país independente” (como lle dixo a Oliveira Salazar).
Cóntanse de don Manuel iso e outras moitas cousas, que convidan a lembralo:
Eu coñecino hai moitos anos, cando en Galicia non había goberno (era só “las cuatro provincias del Noroeste”) nin se lle podían conceder medallas; e desde aquela seguín a súa biografía, ben interesante.
Encontrámonos no 72, en Lisboa, na casa do fillo, que coleccionaba reloxos. “O senhor Manuel Boulhosa” era o mito do “carvoeiro que chegou a petroleiro”. Dono da SONAP, empresa dos combustibles, corría fama de que “o galego” mesmo lle organizara os negocios do ouro negro ao Mao, emperador comunista da China.
Pareceume un cabaleiro, atento para o hóspede. Contoume que sempre quixera facer algo pola terra dos pais, e da súa nenez. Tivera un grande proxecto industrial que Franco, “mação arrependido”, non lle deixara cumprir…
No 74 veu a Revolução dos Cravos, e o comunismo. Don Manuel emigrou; e volvino ver en Caritel, a súa aldea-patria pontevedresa.
Andou por eses mundos, multiplicou fortuna, retornou a Portugal triunfante e morreu moi vello. Nunca faltou ás festas da Pontecaldelas.
Nun alto dese concello está o monumento máis orixinal que se puido imaxinar en terra de emigrantes: ao Can de Palleiro.
Ao se saber do pasamento, disque ouveou aquel cadelo de bronce.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 15/04/2000]

Famalicão (A voapluma, 03/02/2000)

Unha vez máis, a Portugaliza: Vilanova de Famalicão, por intereses que xuntan o que chamamos Galicia co que eles chaman eufemisticamente Norte de Portugal, con medo de recoñeceren a realidade.
Outra vez, o motivo da viaxe é tratarmos de negocios que afectan directamente a varios centros de servicios ás empresas, encargados de resolveren problemas de innovación.
A peculiaridade desta visita é a inclusión dun señor francés de certa organización promotora dos adiantos.
Falamos, xantamos e recollemos uns vultos que veñen de volta connosco por unha autoestrada sen fronteiras: só a poética raia mansa do miño, que señorialmente se verte no Atlántico dos soños conxuntos —americanos— de galegos e portugueses.
Ao francés explicámoslle o “efecto proximidade”, e describímoslle que, de costas ás Galicias —lucense e bracarense— hai unha grande sensación de baleiro tecnolóxico: ata a illa pucelana, pois é Valladolid —Pucela— o lugar primeiro onde atoparmos compañía na aventura de innovar.
Gústalle o viño ao visitante, natural da Borgoña, e pregunta sobre afinidades galaico-portuguesas. Confesa que en Francia son inconcibibles as “comunidades” e acepta o culturicidio organizado desde París —para acabar repetindo okay, á ianqui, no seu discurso.
De volta lemos que Galicia é a comunidade raiana que máis intercambio ten con Portugal. E na mente xorde unha visión do que non foi: a troca de Galicia polo Algarve, proposta en tempos de Godoy…
Un amigo de Braga insiste en que tería sido un ben para o Mundo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/02/2000]

Pérez Lugín (A voapluma, 21/12/1999)

Carlos Casares insísteme en que o escritor debe ser libre, para o cal lle cómpre outra profesión. Pero iso ten inconvenientes:
Recibo convite do alcalde de La Coruña –cidade que xa non existe alén de mapas locais- para asistir á entrega do premio Pérez Lugín a Ángel Padín, cordial tras dos seus lentes grosos, agora abeirado á Universidade como quen subscribe.
Dispóñome a un colectivo abrazo no salón que se decorou con ricas madeiras de Cuba e onde seica don Francisco asoballa a oposición coa súa verba castraposa, eficaz para o pobo que ama o Dépor.
Teño todo listo, mais de súpeto chámanme de Braga: que os administradores dos diñeiros de toda Europa nos acaban de conceder substanciosa axuda para o desenvolvemento dun centro virtual de transferencia tecnolóxica, formado na realidade por sete centros da Galicia Lucense e outros seis da Bracarense.
Estase a reconstruír a Gallaecia histórica, eurorrexión natural que o Miño dividiu e agora xunta. Non hai tempo nin para respirar: o proxecto hase pór en marcha a matacabalo…
Non podo ir a María Pita. Non podo ver o Ángel, nin o Ezequiel, que é alma de todo. Sinto unha nostalxia grande, dos dous premios –Cidade da Coruña e Pérez Lugín- que recibiran as miñas vaidades nese pazo, que non é de todo meu porque non queren os ultracoruñesistas.
Quedei, por enxeñeiro, sen apertar o galardoado, nin o organizador; e sen estreitar a man do rexedor, para quen teño unha mensaxe: Paco, vai aprendendo portugués, que a capital da nova Galicia éche o Porto.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/12/1999]

Tempo portugués (A voapluma, 09/12/1999)

Voltos xa os superviventes das vacacións da ponte —provocada— da Constitución mais a Inmaculada, moitos andarán a maldicir o tempo, que non os quixo acompañar polas terras a onde se desprazaran.
Deles, boa parte quizais se queixe de algo necesario e que só evita a idiocia histórica (máis cultural ca política) do Eixo Madrid-Lisboa: porque de idiotas é manterse de costas viradas cando se constrúen autoestradas e se estudian liñas de tren de alta velocidade entre España e Portugal.
Vexamos:
Cando a CNN dá as noticias do tempo na Europa, mostra os mapas enteiros do continente; e non só os das isobaras senón, tamén, os que sinalan esquematicamente os meteoros —sen facer distincións de fronteiras políticas.
Sen embargo, para as cadeas de televisión de España e de Portugal parecería que a meteoroloxía soubese das ubicacións de Tui, Guarda, Elvas ou Ayamonte. Porque pola liña do mapa político se cortan os mapas meteorolóxicos —con estúpidas consecuencias.
E se o problema é importante en xeral, cando todos somos Europa, éo máis que importante en particular para os que estamos a construír activamente unha eurorrexión: o Miño ten cada ano unha ponte nova, cada unha das partes da rexión natural que divide o río envórcase na outra a diario.
Por tanto, non sería malo que tomase nota a Televisión de Galicia (sen esquecer o servicio de avisos circulatorios da Radio Galega). Contra a vella cultura da ignorancia forzada, a nova realidade: o tempo portugués forma parte da economía galega.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/12/1999]