Favaloro (A voapluma, Diario de Ferrol, 02/08/2000)

Coma unha labazada, sorpréndeme a nova: René Favaloro, o grande cirurxián do corazón, morreu.
Morreu porque quixo, atacando o seu propio corazón cunha pistola. Apertou o gatillo e o chumbo quente de pólvora furou ese órgano polo que el tanto traballara.
Un símbolo: non se quixo suicidar atacando o cerebro senón o corazón. Tiña setenta e sete anos e muller nova. Pero a fundación médica que fixo ser a Arxentina país entre os primeiros na cardioloxía íalle mal.
“Mal como todo”, que me dixeran nunha tarde invernal de Buenos Aires retratada a voapluma nesta columna. Foi andado xuño e falaban comigo Xosé Manuel Castelao e Carlos Penelas.
Curiosamente —que a vida é algo por veces incrible—, acompañei o Penelas ata a propia Fundación Favaloro, na que traballa como responsable de relacións públicas.
Quen lembre algo da columniña do 17 de xuño saberá que Carlos e eu falamos de retorno a Galicia, de pistolas e dos seus prezos, e do que gaña un cirurxián torácico na Arxentina.
Carlos Penelas, poeta, fillo de xentes dun Betanzos que el quere recuperar, puña cara de que as cousas “son como son”; e suxería os coidados de imaxe que demanda unha figura de prestixio mundial coma o seu patrón.
Pero insistía no retorno a esta Galicia abundante, con hospitais onde se fan prodixios.
E fíxome unha confidencia, que como tal tomei e non escribín: a fundación non tiña para pagar os soldos dos empregados.
Velaí o desenlace. Din que Favaloro debeu ficar nos Estados Unidos. Pero volveu, e o patriotismo rebentoulle o corazón.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/08/2000]