“Sin novedad” (A voapluma, Diario de Ferrol, 04/10/2000)

Quen prognosticou en 1965 que no 2000 habería colonias en Marte e “uns douscentos mil ordenadores” nos Estados Unidos, evidentemente, non era bo observador dos avances científicos.
Por ese tempo o transistor era unha vulgaridade e comezaban a fabricarse en serie os circuítos integrados. De aí en diante produciríase o cumprimento dunha lei tecnolóxica: cada tres anos, a potencia das máquinas electrónicas multiplícase por catro; e o tamaño, e o prezo relativo á potencia, veñen abaixo.
No límite das dimensións físicas, e aínda dentro do concepto actual de máquina con teclado e pantalla, hai xa ordenadores verdadeiramente portátiles, co peso e o tamaño dun caderno; e coa posibilidade de conexión ás redes de datos en calquera lugar do mundo.
Dou fe, porque ando cun deses, que pesa un quilo e trescentos gramos e procesa a velocidades de envexa para os seus “irmáns maiores”…
Falando disto hai días cun amigo militar, lembreille que polo ano 80 un simple procesador de textos era unha máquina con necesidade de mesa e accesorios, e cun prezo de millón e medio de pesetas do momento.
El, que é un pouco máis vello ca min, levoume máis atrás, a cando chegou un dos primeiros ordenadores a España e eu era estudiante.
Daquela, “o monstro” era celosamente atendido, ao estilo castrense. Oficiais facían garda canda el a todas as horas e, cando se presentaba un xefe, saudaban dicindo: “Sin novedad en el ordenador”.
Colocándonos no intre histórico –ano 68, seica– este comportamento non tiña nada de esaxerado.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/10/2000]