Estradiñas (A voapluma, Diario de Ferrol, 24/09/2000)

Da Coruña a Ourense e volta —volta ao pasado, a unha España con ilusións cativas, con ministros e estradas ao xeito da cativeza desarrollista.
A partir de Santiago, seguindo esa ruta, a estrada é un retorno aos tempos de Silva Muñoz (¿non se chamaba así o suxeito?), a pasos polo medio da vila —ás veces con semáforos, ás veces sen eles— e lentitudes paisanas, vacas, tractores, carrocetas.
Bandeira, Silleda, Lalín, Dozón… son nomes da penuria, das curvas, do asfalto mal coidado, dos perigos maiores —entre eles, o conductor nervioso que se empeña en adiantar e crea o accidente; ou o vello que salta sinais de “Stop” e liña continua e desgracia a quen anda correctamente.
Alto do San Martiño, no ermo, de moito coidado no inverno; a baixada despois, O Reino que fai imaxinar a Gloria con sarcasmo, Cazarrancas —¡que nome, señores!— e as continuas limitacións a 50 quilómetros por hora, velocidade franquista (nese traxecto hai dezaseis treitos limitados a 50 segundo Rafael Valcárcel, ourensán que fai empresa en Arteixo).
Exasperado, o visitante coruñés decide tomar outro camiño de volta, e faino por Chantada e Lugo imaxinando mellor estrada e un bo anaco de autovía.
Mais choca co martirio dun camiño antigo, asfaltado daquela maneira, cun anaco de pista eternamente inacabable en Taboada; e máis vilas que atravesar, salvo Chantada.
Valcárcel di que, na súa desesperación, fai Coruña-Ourense por Vigo, procurando a modernidade segura da fita de asfalto atlántica…
Non é de estrañar que a Galicia interior sexa un deserto.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/09/2000]

O taxi, un modelo na encrucillada

O taxista é un home na flor da vida e disposto a falar co cliente. O tema non se fai esperar: o conflito entre a profesión tradicional e as novas formas de transporte en coche compartido.

Atravesando a linda Marineda en belo día de verán, con letreiros de «San Juan is back», o profesional do gremio dá cifras arrepiantes. Seica nunca na cidade se negociou unha licenza de taxi por menos de ¡170.000! euros; e houbo épocas (antes do 2006) en que superaron os 200.000. Por iso, para que o negocio renda, cómpre estar ao volante ¡máis de 14 horas ao día! O cliente conta que hai corenta anos el traballaba nos Estados Unidos e alí había unha campaña insistente de car pooling, ou sexa: de compartir coche. Mesmo a policía vixiaba canta xente viaxaba naqueles haigas que consumían un mundo de gasolina. Tamén di que anda por cidades (como Atenas ou Santiago de Chile) onde os taxis van recollendo clientes e soltándoos ao longo dunha ruta serpeante, mais efectiva, pois os usuarios que comparten vehículo pagan cadanseu treito.

Cando remata a carreira coruñesa, taxista e cliente fican de acordo: o problema do taxi non está nas aplicacións para compartir coches privados, senón nun modelo esgotado de negocio cando se andan a promover cidades intelixentes, con moita telématica e mínima emisión de carbono.

[La Voz de Galicia, 19/06/2014]