Mensaxe de Meilán (A voapluma, 03/10/1999)

Elegante en gris e negro, de cabelo e toga, da idade e da vestimenta, Xosé Luís deu discurso -en fluido galego, ben entendido e percibido mesmo polos inimigos gratuítos da lingua e do país (ao que quixeran ver perpetua provincia, por non dicir colonia).
Dixo moitas cousas, e ningunha delas falta de substancia; pero á hora do viño (gracias polo detalle, señor rector), togados e destogados comentamos que a mensaxe estaba clara: autonomía, para cada universidade decidir a oferta que lle cumpra ao sistema social no que se desenvolve, mesmo dentro da obediencia a un plan harmonizador e autonómico (Xosé Luís -non o esquezades- foi pai do Estatuto).
Punto. Detrás diso, Medicina, se cadra xornalismo audiovisual e multimediático, e asuntos telemáticos, multidisciplinares.
Feito o aviso, defensa da universidade pública, con títulos que non se “compran”. Seriedade. Curriculum de profesores, conexións mundiais…
Hai xa uns meses, os tres rectores foron anfitrións dos enxeñeiros de telecomunicación. E falamos: eu, rector a rector. Darío díxome que os médicos da Coruña se equivocaban; que, cando saísen titularidades e cátedras a concurso, aí se ían ver logo cos colegas de Santiago, cheos de méritos de segundón.
Poida que si, como tamén outros nos poderemos ver enfrontados aos telemáticos de Vigo (Domingo non di nada) que leven tempo agardando o ascenso.
Pero Xosé Luís -entendo eu- tocaba no discurso unha cuestión de institución, non de persoas, nin de carreiras académicas individuais. Actuaba de rector.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/10/1999]

A UDC en primeira división (A voo de tecla, 15/06/2012)

Resulta tópico falar de que nos organismos da Unión Europea se impuxo o “Eurenglish” como lingua de traballo. Mais así foi, e por iso hai pouco La Voz publicaba que un investigador da Universidade da Coruña fora clasificado para que o “European Research Council” lle concedese unha “starting grant” de 1,4 millóns de euros.
É unha noticia espléndida para toda España e, especialmente para Galicia. O Consello Europeo de Investigación representa a elite do corpo investigador da UE, que se divide en grupos avaliadores de propostas científicas dos seus colegas. Eses grupos non fan avaliacións “cegas” -nas que avaliadores e avaliados non se coñecen- nin se limitan a considerar só propostas correspondentes a liñas de investigación prefixadas. Todo vale en canto os candidatos propoñan algo que signifique un salto no coñecemento e saiban xustificar en que van gastar tempo e diñeiro.
O ERC (CEI) ten a súa axencia executiva nun rañaceos da Place Rogier de Bruxelas, en cuxo andar superior hai unha gran sala que os funcionarios chaman “o posto de mando”. Desde alí vese a capital da UE coma unha metáfora de toda a Europa consciente de que só se sae dunha crise económica inventando e descubrindo.
No posto de mando do CEI pregóanse en ton de loa as “starting grants”, bolsas de iniciación, e as “advanced grants”, para científicos de longa traxectoria. Ao saber da concedida a un investigador da UDC, un comentario foi inevitable naquelas alturas: “Agora si que A Coruña subiu a primeira división”.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 15/06/2012]

Carballo e Do Barro

«Ferrol me fecit», repetía don Gonzalo Torrente Ballester. «Ferrol nos fecit», a todos. Ricardo Carballo Calero e Andrés Lapique Dobarro foron feitos por Ferrol, o de portas adentro, o de portas afora, o dunha banda e o da outra… Ferrol.

O pasado 15 de maio, no paraninfo da Universidade da Coruña exhibiuse «O tren que me leva», documental de Anxo Fernández sobre a vida meteórica de Andrés do Barro. Emocionante, as bágoas foron inevitables.

No coloquio a seguir manifestouse a plataforma que solicita a Medalla de Galicia para o único cantante Andrés do Barro, que conseguiu catro discos de ouro en España sen cantar en castelán, e de cuxo falecemento se han cumprir 25 anos no próximo decembro.

A boa acústica do paraninfo panorámico (coas belezas do Arco Ártabro ao fondo) acolleu máis comentarios sobre méritos e homenaxes: o público lembrou a Ricardo Carballo Calero; díxose que o mestre con visión universalista do galego parece sometido a «damnatio memoriae et abolitio nominis» en canto a mancomunidade de municipios da Ferrolterra acordou solicitar que se lle dedicase un Día das Letras Galegas, como xa tiveran feito outros colectivos cívicos noutras ocasións.

Proliferan os rogos populares, dabondo xustos, sobre eses ferroláns ilustres. Oxalá achen respostas alén de personalismos, se os houber.

Do contrario, poderíanse converter en clamores e acusacións.

[La Voz de Galicia, 02/06/2014]