Vaqueiradas (A voapluma, Diario de Ferrol, 30/08/2000)

O sogro tróuxome de Buenos Aires un calendario dos que regalaba a firma arxentina Alpargatas, convertidos agora en xoia de coleccionista. Como os de moitos anos, está ilustrado por Molina Campos con escenas pampeiras. Pero este —o do 42— vén dedicado á relación entre gauchos e cabalos.
Por outro lado, anúnciase na TVG a proxección de clásicos do Oeste, e non podo evitar varios comentos.
Primeiro: os que saben de vacúns e equinos son brasileiros, uruguaios e arxentinos; non os ianquis. E é unha pena que só coñezamos loitas entre indios e cristiáns polo que nos conta Hollywood, cando tamaña epopea foi a conquista do Sur iberoamericano.
Segundo: os estudios de Los Ángeles dan como certo o que custa traballo crer a quen coñece realidades semellantes ás do Far West. Obsérvese que os vaqueiros ianquis andan cun só cabalo, percorrendo distancias de fábula, atravesando desertos pavorosos.
Quen non trata con eses animalotes fidelísimos, saiba que andan ata rebentaren pero, como din os riopratenses, “aplastaos”. Velaí a necesidade de levar varios por xinete cando se quere avanzar de veras. E imaxine o espectador crédulo dos westerns o que lle pode acontecer ao viaxeiro se a cabalgadura mete a pata nun burato e a quebra…
Nas paisaxes de Wyoming, Arizona ou Texas non se ven remontas; e, unha de dúas: ou toda aventura do Oeste (dos EE.UU.) é contada ao estilo do cartón-pedra para urbanitas ou os cowboys criaron unha raza equina axeitada ás películas.
Os cabalos normais —en Galicia e nas pampas— cansan e máncanse.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/08/2000]